Talía Teatro leva aos escenarios a falta de educación sexual con 'DeseXo'

Estrean este venres en Boiro esta nova montaxe dirixida e escrita por Diego Rey

Poñer sobre as táboas o preocupante estado da educación sexual entre os adolescentes e para chegar xustamente a eles semella ser un dos obxectivos da nova montaxe da compañía Talía Teatro: DeseXo. Escrito e dirixida por Diego Rey, e contando con Marta Ríos e Dani Trillo sobre o escenario, este novo espectáculo estréase este venres, 3 de maio, na Casa da Cultura de Boiro para despois facer dúas funcións en Vimianzo para público xeral e estudantes. En DeseXo Talía presenta varias reflexións sobre a actual concepción da sexualidade, influída polo uso da pornografía, entre a xente máis nova. Tamén do que teñen que ver as redes sociais con todo iso e na nosa forma de relacionarnos afectiva e sexualmente. Tirando de recursos da comedia, DeseXo entra a propor varios interrogantes pertinentes nesta sociedade que considera "sociedade do desexo, a máis sexualizada da historia". A obra está dirixida ao público novo e parte xustamente dun traballo previo feito con estudantes en varios centros de ensino a través do teatro-foro 'A pornografía na adolescencia', un proxecto subvencionado pola Deputación da Coruña a través da convocatoria Proxectos Sigulares.