Do popular ao nacional

Identifican os primeiros rexistros documentais da muiñeira no século XVIII

30/4/2024 | Santiago. Redacción | Seccións: música
41 lecturas | Compartido 0 veces

Galego bailando. Gravado de Gustave Doré

No teatro do Século de Ouro había unhas pezas chamadas 'gaitas gallegas' que non estaban pensadas para gaita, senón para guitarra. Cando comezaba a soar unha destas 'gaitas galegas', sabíase que entraba a personaxe dun galego en escena. "Frecuentemente era unha personaxe cómica que creaba confusión", explica o profesor Julio Alonso Monteagudo, autor da tese 'Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX)', lida a semana pasada na Facultade de Filosofía da USC. Alonso sitúa nestas pezas un dos antecedentes do que logo se coñecería como muiñeira galega, se ben a primeira referencia escrita a este tiop de pezas como tales é "dun texto de 1745 de frei Martín Sarmiento" e que a primeira muiñeira con notación musical está asinada por Melchor López, mestre de capela da Catedral de Santiago, en 1786". Alonso Monteagudo, que tamén é membro da comisión técnica do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, destacou que a muiñeira pasou de ser unha peza substancialmente popular a unha tonada que se convertiu en auténtico marcador nacional e "elemento identitario" a partir do nacionalismo do século XIX e a súa procura de raíces na música tradicional. De feito, foi Manuel Murguía quen publicou as primeiras transcricións con notación da música popular galega, en parte enviadas por Marcial Valladares desde o seu pazo da Estrada.
Ligazóns externas

Universo culturagalega.gal