O antigo Convento de San Francisco acollerá o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra

O Ministerio de Cultura licita por 1,2 millóns de euros a elaboración do proxecto e a dirección de obra para adaptar o recinto

O Ministerio de Cultura licita por 1,2 millóns de euros a elaboración do proxecto e a dirección de obra para adaptar o recinto
Convento de San Francisco. Fonte: Subdelegación do Goberno en Pontevedra
Cun investimento de 1.275.945 euros, o Ministerio de Cultura publicaba este 26 de abril a licitación do contrato para elaborar o proxecto e dirixir as obras que transformarán o antigo Convento de San Francisco, en Pontevedra, na futura Sede do Arquivo Histórico Provincial. Esta licitación confirma o destino deste inmoble, que acolleu no seu día a Delegación de Facenda na Cidade do Lérez, e para o que se sucedían propostas de uso nos últimos anos sen que ningunha estivese confirmada.

A proposta compleméntase con outra licitación, por valor de 600.000 euros, destinada a recuperar o tellado do edificio, e continuará cun novo contrato para adaptar o interior do inmoble. O edificio do convento, anexo á igrexa do mesmo nome, foi construído no 1800 e fai parte do conxunto declarado monumento histórico-artístico.

A nova sede permitirá solucionar un histórico problema de espazo para o Arquivo Provincial, que actualmente reparte os seus fondos entre a súa sede central e unha serie de baixos alugados.