DEVALO refresca o pop co seu terceiro disco

'Azul vindeiro' é o novo traballo do proxecto de David Miranda

DEVALO, ou o que é o mesmo David Miranda, ven de sacar un novo traballo longo, o terceiro do seu percorrido, "Azul vindeiro” (Ferror Records, 2024). A súa proposta de pop sen complexos, refresca o xénero sen renunciar a influencias e colocando o seu son no marco do indie de finais do século XX e principios do XXI, pero non por iso soando antigo, senón ao contrario como unha renovación enerxética e unha evolución natural por un camiño que xa non son moitos artistas os que o percorren sen complexos e acadando un produto de total actualidade. Na parte da composición e a gravación o artista admite unha intención de espir as cancións, en comparación cos anteriores discos nos que o son estaba composto a base de capas de arranxos superpostos de guitarras, sintetizadores e voces. Neste caso "Azul vindeiro" conta segundo Miranda cunha menor superposición de elementos: "A miúdo aparecen varias melodías levadas por distintos instrumentos que dialogan entre si, mais deixándose espazo en vez de formar capas de son.



No relativo ás letras o propio músico admite que " non chega a ser, aínda, un disco optimista", posuíndo unha escuridade e un descontento que seguen a ser marca do proxecto. Segundo David Miranda varias das cancións deste disco rebélanse e tratan de volver ter a capacidade de concibir un mundo mellor, aínda que parta do descontento do presente ou se cadra precisamente por iso. Desta idea parte tamén o título no que a cor azul identifícase "cun ceo (ou un mar) aberto, imaxe de futuro, do que queda por vir, e no que o vindeiro aparece como unha flor (como a da imaxe da portada pintada pola artista bretoa Dominique Rolland) que non tardará en abrirse ao mundo nunha nova primavera. Xunto con estas imaxes, outras cancións celebran unha sorte de hedonismo social, de celebración da vida no medio do caos, da amizade e do amor, nas modalidades que imaxinemos e un bo exemplo é canción que abre o disco "Zombies en Londres". Con este traballo de feitura impecable DEVALO ocupa un espazo na música pop en galego que poida que no futuro vaia tendo máis ocupantes pero que aínda conta con poucas pero valiosas achegas como a presente.