Outórganse os XXXIX premios Losada Diéguez de ensaio e narrativa

Os libros de Rafael Otero Janeiro e Iria Morgade resultan seleccionados por voto maioritario

Os libros de Rafael Otero Janeiro e Iria Morgade resultan seleccionados por voto maioritario
Trinta e cinco obras xa publicadas optaban este ano nas dúas categorías da XXXIXª edición do Premio Antón Losada Diéguez promovido polos concellos de O Carballiño e Boborás, contando co apoio da Deputación de Ourense. Trala deliberación do xurado o sábado 20 de abril a obra "A Vera Cruz de Antonio Palacios" de Rafael Otero Janeiro (O Carballiño, 1962), editada polo Instituto de Estudos Carballiñeses alzouse por maioría co premio na modalidade de Ensaio e Investigación; mentres que na categoría de Creación Literaria a maioría do xurado decantouse pola obra "Quen escribirá a miña historia?" asinada pola pontevedresa Iria Morgade Valcárcel (Pontevedra, 1988) e publicada na editorial Galaxia. Cada un dos premios está dotado con 6.000 euros.

No caso do carballiñés Rafael Otero, o xurado considerou a obra premiada "unha creación que reflicte moitísimos anos de investigación, unha obra de síntese, divulgativa e que se centra moito nun dos mellores traballos de Antonio Palacios. Un texto moi ben escrito e pensado que valoriza a obra do arquitecto Palacios para que chegue a un público amplo". Na modalidade de Creación Literaria, o xurado valorou da obra de Iria Morgade Valcárcel o feito de que se trata dunha obra dunha creadora galega nova "que afonda nunha historia ambientada no Mosteiro de Oia que intercala a Guerra Civil coa máis actual, cos campos de concentración como base da historia e do enigma a resolver". A entrega do premio será o vindeiro 15 de xuño deste ano, no Pazo de Moldes, casa natal do escritor e guieiro da Xeración Nós; Antón Losada Diéguez.