Os músicos galegos recollen cinco galardóns nos Premios da Música Independente estatais

Baiuca foi un dos protagonistas da noite con tres galardóns polo EP 'Diamante / La Mare' coa cantante ilicitana Alba Reche

Baiuca foi un dos protagonistas da noite con tres galardóns polo EP 'Diamante / La Mare' coa cantante ilicitana Alba Reche
Nuno Pico, de Grande Amore, recollendo o seu premio na gala Premios MIN Foto: Ana Escario
Os Premios MIN da industria da música independente española chegaron a pasada noite ao remate da súa XVIª edición en Zaragoza e amosan, unha vez máis, o bo estado de calidade da escena musical galega actual e dos músicos xurdidos dela. O proxecto Baiuca do catoirán Alejandro Guillén foi o protagonista da noite grazas ao seu EP conxunto realizado coa artista de Elx (Valencia) Alba Reche. A súa colaboración de título 'Diamante / La mare' (Raso estudio), que fusiona electrónica e folclore galego fíxose cos premios 'Radio 3 á Canción do ano', 'Premio SAE Spain á Mellor Produción Musical' e o de 'Mellor Gravación Electrónica', un premio este derradeiro que Baiuca xa acadou no ano 2022 nos Premios Min grazas ao seu traballo 'Embruxo' (Raso estudio).



Na categoría de Mellor disco en Lingua galega o galardón foi para o proxecto Grande Amore polo seu disco "II" (Ernie Producciones). O celebrado segundo disco do proxecto iniciado por Nuno Pico en solitario e agora como trío obtivo moi boas críticas a nivel estatal desde a súa aparición e agor o xurado referendou esa percepción elixíndoo por diante dos outros finalistas que eran Fillas de Cassandra, Caamaño & Ameixeiras, Ortiga e Boyanka Kostova. O reparto para os artista galegos incluíu tamén a Xoel López. O coruñés recibiu o Premio AGEDI a Mellor Álbum de Pop polo seu álbum 'Caldo Espírito' (Esmerarte). A gala contou coas actuacións de Xoel López e Fillas de Cassandra, finalistas en varias categorías dos premios.