Nigrán inaugura a restauración do muíño de Porto do Molle

O Concello investiu 250.000 euros na recuperación do edificio para usos culturais

Este sábado 20 de abril o rodicio do muíño de Porto do Molle, en Nigrán, voltará a xirar. O Concello inaugura nesa xornada a restauración deste edificio, situado en pleno parque empresarial, unha actuación na que investiu un total de 250.000 euros achegados pola Deputación de Pontevedra e que permitirá darlle usos culturais ao complexo.

O acto de inauguración estará acompañado dunha actuación das Pandereteiras do Sobreiro, que estrearán unha peza composta para a ocasión, e a proxección dunha curta documental sobre a historia do edificio e do seu proceso de reconstrución. A peza, realizada por Cris Grande, incorporarase ao Arquivo Histórico Audiovisual de Nigrán municipal.

As obras implicaron a reconstrución de boa parte do conxunto, declarado Ben de Interese Cultural e construído no século XVIII, xa que só quedaran en pé as paredes de pedra orixinais. Durante as obras descubriuse un novo arco que se suma aos tres dos que ata entón se tiña constancia. O muíño, de 25 metros de lonxitude e seis e medio de largura, contaba con tres moas, das cales só unha se recuperou e se porá en funcionamento.

Os traballos incluíron tamén a instalación dun circuíto fechado de auga logo de que a construción do polígono industrial no que se sitúa desviasen a canle que o alimentaba. Canda á sala que acollía as moas, o conxunto conta cun espazo dedicado a vivenda e almacén que se destinará a usos culturais. Ademais, creáronse dous aseos e se realizaron intervencións na zona verde da contorna.