Máis alá das fontes (escritas)

A escavación no monte de San Cibrán (Salceda de Caselas / Ponteareas) revela unha fortificación habitada na Alta Idade Media

A escavación no monte de San Cibrán (Salceda de Caselas / Ponteareas) revela unha fortificación habitada na Alta Idade Media
A intervención arqueolóxica en San Cibrán
"Estamos indo máis alá do que contan as fontes", sinala o arqueólogo Mario Pereiro Fernández , cando alude á escavación levada a cabo nas últimas dúas semanas no recinto fortificado de San Cibrán, un gran espazo fortificado situado entre as parroquias de A Picoña (Salceda de Caselas) e Guláns (Ponteareas). Pereiro refírese a unha das liñas vermellas da arqueoloxía galega actual: a que tenta comprender en que medida as primeiras fontes históricas documentais que falan de Galicia a partir da Antigüidade Tardía e a Alta Idade Media coinciden ou se diferencian do que aparece no rexistro arqueolóxico. Polo de contado, no que ten que ver con estes recintos en altura, nada parece casar. Amosan unha cultura moi definida ausente das crónicas da época ou dos documentos posteriores.

Non se pode dicir que a escavación de San Cibrán non fora produtiva. Os arqueólogos de Tempos Arqueólogos estiveron escavando neste fermoso outeiro nos últimos quince días baixo a dirección de Mario Pereiro. A intervención, de ao redor de cincuenta metros cadrados, revelou tanto estruturas como un gran número de pezas arqueolóxicas. Non moi lonxe deste espazo aínda é visible a muralla de pedra que cingue todo o alto do monte e a capela de San Cibrán fica a escasas ducias de metros máis cara abaixo. Pero a intervención arqueolóxica, financiada polo proxecto "Castelos no Aire", que dirixe o propio Pereiro no grupo de investigación Síncrisis da USC e a comunidade de montes da Picoña, deitou tantas preguntas como respostas.

"Temos evidencias dun edificio construído en dúas fases", sinala Pereiro, "onde se aprecia perfectamente un muro máis antigo ao que posteriormente se lle xunta unha nova estancia ou estrutura". Na escavación, os arqueólogos foron vendo que aquel espazo presentaba unha intrigante diacronía. "Difiren as súas técnicas construtivas, sobre todo na cimentación. A estrutura máis antiga vai sobre o xabre, mentres que na segunda sobre a terra. A máis antiga está construída combinando laxas de granito con cachotería, mentres que na segunda fase vese máis cachotería". Malia o sol que peta contra os penedos de San Cibrán, os dous xeitos de construíren aquelas estruturas pódense apreciar con facilidade. De feito, leva os arqueólogos a pensar se hai moita diferencia temporal entre as dúas fases, se chegaron a coexistir ou se unha xa estaba en ruínas.


Detalle das tégulas con marcas dos obradoiros

De feito, o edificio máis antigo ten unha aparencia intrigante. Os arqueólogos apenas despexaron o nivel superior, onde se aprecia o muro e un forte derrube de cachote. Sobre el, dúas impresionantes tégulas que aínda conservan as marcas que os telleiros fixeron para acreditar a procedencia do seu obradoiro. O tempo desta campaña non permitiu descender ata o solo de ocupación para poder tentar coñecer a cronoloxía final dese edificio. As tégulas adoitan asociarse á época romana, pero nos últimos anos demostrouse arqueoloxicamente que no noroeste peninsular o seu uso puido chegar ata os inicios da Idade Media. Así que é cedo para poder coñecer a súa cronoloxía.

O numeroso enxoval cerámico aparecido apunta, polo momento sobre todo á Alta Idade Media. Aparecen anacos de diferentes pezas cerámicas, como xerras ou olas. Algúns dos fragmentos cerámicos parecen vir, segundo o especialista Francisco Alonso Toucido, da tradición oleira galaicorromana, mentres que outros están claramente inseridos na Alta Idade Media, ao redor dos séculos VIII ou IX. Non aparecen materiais de importación nin outra cultura material distinta. "Apareceu case todo nunha especie de vertedoiro", sinala Pereiro, quen é cauto á hora de determinar a adscrición cronolóxica das fases do xacemento. Con todo, desde a intervención observa, aló enfronte, o Faro de Budiño, no Porriño, un recinto con características moi similares a San Cibrán.

"Alí aparecen dúas fases moi claras", explica Pereiro, "unha do século V e outra altomedieval, coma esta". Así que para os arqueólogos pode ser moi tentador coñecer se sucede algo similar en San Cibrán, pero aínda é cedo para sabelo. Se cadra, se nunha segunda fase se consegue escavar o interior dese gran edificio, a cronoloxía pode ser máis perfilada. "Polo momento entre o Faro de Budiño temos paralelos nas tipoloxías cerámicas e no nulo interese en construír sobre botados de terra", explica o arqueólogo.


Detalle da estrutura da última fase

A cultura dos grandes recintos en altura
Pereiro segue a sinalar ao seu redor. "Desde aquí temos unha gran visibilidade da contorna, dominando o tramo final do val do Tea, o val do Caselas e logo ese tramo intermedio do río Miño desde Salvaterra ata Tui. Pero tamén temos control visual sobre outros asentamentos fortificados da contorna, coma o Faro de Budiño, o Galiñeiro, o Aloia ou mesmo o monte do Trega", explica. A cuestión é que nun territorio pequeno marcado polo Miño e a Depresión Meridiana parecen concentrarse un importante conxunto de recintos fortificados en altura, dos que moitos deles responde a características e cronoloxías próximas ou similares. "Queren controlar visualmente todo o territorio pero ao tempo acoller unha gran cantidade de xente", explica Pereiro. E aquí vén o intrigante. Os primeiros castelos que aparecen claramente na documentación medieval comparten, en moitos casos, a súa localización no alto dos montes para ter moita visibilidade, pero son redutos moi pequenos, para pequenas guarnicións. Por que xorden durante un certo tempo estes grandes recintos nesta zona concreta de Galicia?

Máis alá das fontes
"Debemos precisar o máximo posible a cronoloxía destas fortificacións", explica Pereiro, "pero unha vez que a saibamos temos que ver como encaixa dentro da historia política que coñecemos".

Aquí é onde está nestes momentos a gran dificultade e o desafío científico. As fontes para a historia altomedieval galega son as primeiras crónicas reais. Falan de como os reis afogan insurreccións señoriais ou territoriais ou avanzan sobre territorio musulmán, xunto cunha documentación eclesiástica que xa existe, pero que é escasa e con lagoas. E nesa documentación, estes enormes recintos do sur de Galicia, que requiriron unha importante organización social e nos que se habitou de xeito aparentemente continuado durante un certo tempo, directamente non aparecen ou son mencionados moi de pasada. "As fontes que temos son moi parciais e falan dos vencedores. Pero ao mellor estes xacementos nos están remitindo a sociedades ou a poderes perdedores". Iso explicaría a súa estraña ausencia de toda a documentación e das crónicas.

Foron fortalezas habitadas e promovidas polos primeiros reis? Tiñan que ver coa primeira fronteira co territorio islámico? Ou pertenceron a poderes señoriais non documentados? Son unha especie de residencias temporais polas que se vai rotando, como pasaba no famoso castelo de Cornualles, contemporáneo a estes recintos, de Tintagel? Ou falan dunha organización social que non comprendemos de todo?

Nun territorio coma o do sur de Galicia, estas fortificacións deberon desempeñar un papel estratéxico e importante nos momentos nos que se estaba conformando o reino. Non eran aldeas remotas nin illadas: dominaban as vías de comunicación, os pasos estratéxicos, terreos fértiles. A arqueoloxía revela, con todo, algo que por algún motivo non interesou escribir nin ser lembrado.