O OurenSound Fest deixa Ourense por desencontros co concello

Celebrará en maio a súa novena edición en Pereiro de Aguiar

A organización do festival Ouren Sound Fest ven de facer público nun comunicado a súa decisión de sacar do concello de Ourense a súa vindeira edición a celebrar do 23 ao 25 de maio. Así, a pouco máis dun mes para a súa celebración e cun cartel xa presentado e abonos xa á venda desde fai meses, o festival trasládase desde as instalacións previstas en Bemposta ata o concello de Pereiro de Aguiar, no que as actuacións de pago terán lugar dentro do Complexo Deportivo de Monterrei, mentres que as de balde celebraranse na Praza da Capilla, no centro da localidade. A radical decisión ven motivada, segundo a organización, polos "desencontros e falta de entendemento entre concello e produtora". O festival, que ten patrocinios da Xunta de Galicia e da deputación Provincial, asegura crear co seu evento un retorno económico de máis de 700. 000 euros e máis de 250 postos de traballo. A organización sinala que seguirá habendo conexión co novo recinto desde o centro de Ourense, que por outro lado non está moito máis lonxe que o anterior, iso si, nun concello que segundo eles, acolle ao festival "cos brazos abertos" poñendo "todas as facilidades para poder levalo a cabo". O festival ten un cartel xa confirmado con numerosos nomes da escena musical galega e presentan esta edición como a máis ambiciosa ata o momento.

Ligazóns