Seis autoras galegas de banda deseñada protagonizan #Punctum

A mostra presenta "beliscos de BD na arte contemporánea galega" no Auditorio de Galicia ata o 16 de xuño

Deste este 2 de abril e ata o vindeiro 16 de xuño o Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle a exposición #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega. O Concello de Santiago coordina esta iniciativa, comisariada por Íñigo Rodríguez Román, e que conta cun programa de actividades paralelas coordinado por Neves Rodríguez.

A proposta recolle obras das autoras Maru Astray, Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa, Xulia Pisón e Pepa Prieto Puy para reivindicar "dúas realidades que resultan irrefutables: que a banda deseñada é arte e que as artistas galegas de BD son posuidoras dunha potencia visual e un discurso artístico de primeira orde", segundo sinala o comisario.

A presentación do proxecto destaca que as seis artistas seleccionadas son "todas creadoras millenials que elaboran as súas narrativas desde a plena conciencia do artístico en traballos que toman o fanzine como ferramenta expresiva primixenia. É na autoedición gráfica onde experimentan sen complexos xerando esquemas expresivos e estéticos audaces e persoais, que formalmente van dende as propostas máis conceptuais ata códigos estéticos universais".

As protagonistas "amosan no espazo expositivo o seu talento en propostas ricas e heteroxéneas que abordan temas, códigos e desafíos estéticos vixentes no noso acervo". Cuestións como a vida cotiá, a saúde mental, o ecoloxismo, o humor, as relacións familiares, a precariedade laboral ou a igualdade de xénero están presentes nas propostas que se poden ver no proxecto. Cómics, portadas, axendas, carteis, cerámicas, autocolantes, e mesmo bicicletas fan parte desta iniciativa que tamén repasa a historia da autoedicíon galega e dos encontros arredor deste fenómeno.

De xeito paralelo á mostra, Neves Rodríguez coordina o programa Mulleres na BD, que inclúe dous obradoiros de creación para crianzas e catro palestras na Zona C da capital galega. Fanzines, camiños de ida e volta reunirá o 20 de abril a Maru Astray, Julia Lago, Uxía Larrosa, Bea Lema, Xulia Pisón e Pepa Prieto para falar deste formato, mentres o 4 de maio a investigadora María Gil abordará a Autoedición como supervivencia: fanzines para a resistencia feminista e LGTBIQ+ en Galicia.

O dúo Los Bravú, formado por Dea Gómez e Diego Omil compartirán co público os seus procesos creativos en cómic, fanzines, pintura, escultura, fotografía ou audiovisual na palestra Procesos e sucesos. O día 25 a xornalista Elisa McCausland fará un repaso pola historia da BD feita por mulleres baixo o título Xenealoxía e futuro das autoras de cómic.