A análise das turbeiras permite coñecer o clima e a influencia humana na natureza durante os últimos cinco mil anos

Os arquivos da terra

No medio do Xistral, entre outros lugares de Galicia, atópanse algúns dos máis incribles arquivos que existen para coñecer a evolución do planeta e influencia do home no seu contorno. As turbeiras, unhas curiosas formacións do chan resultado da acumulación de plantas, poden dar a coñecer desde as temperaturas de hai milleiros de anos ata os índices de contaminación causados pola minería romana. Un equipo da Universidade de Santiago está a investigar as posibilidades de obter información destes ecosistemas que, desgraciadamente, están en perigo.

Unhas plantas medran nun chan saturado de auga e pobre en osíxeno. Morren e comezan a se descompor sen remataren nunca este proceso. Sobre elas nace unha nova xeración de vexetais, que á súa vez morre e crea unha nova capa de humus. Pouco a pouco o proceso repítese e, nas condicións axeitadas, créase unha serie de estratos moi definidos, conformando o que se coñece coma turbeira. Galicia é o límite suroeste deste tipo de formacións e Europa, e ademais temos na serra do Xistral as turbeiras de cobertor máis importantes e mellor conservadas de toda a Península Ibérica. Estes lugares teñen unha grande importancia ecolóxica, xa que albergan unhas poboacións moi particulares que, polas mesmas características destes hábitats son moi sensibles ás mudanzas no seu contorno. Segundo Xosé Luís Baleato, da Federación Ecoloxista Galega, nas turbeiras do Xistral existen quince especies endémicas de Galicia. Por se fosen poucos todos estes valores, as turbeiras teñen ademais un importantísimo valor engadido, xa que nos permiten coñecer moito mellor o noso propio pasado.

Do Xistral a “Science”
A acumulación de plantas a medio descompor en estratos ben delimitados ao longo de séculos dá ocasión aos investigadores para coñecer polo miúdo a evolución da vexetación nun lugar ao longo de moito tempo, e con ela, as características climáticas dunha época. Nos últimos anos un equipo de investigación do departamento de Edafoloxía da Universidade de Santiago estivo a analizar este tipo de formacións en Galicia. Este estudio pioneiro permitiu que o equipo formado por A. Martínez-Cortizas, X. Pontevedra-Pombal, E. García-Rodeja e J. C. Nóvoa-Muñoz, coa colaboración de W. Shotyk, publicase un artigo na prestixiosa revista “Science”, sendo a primeira vez que un traballo feito da Universidade de Santiago aparece nesta publicación. Segundo explica Xabier Pontevedra Pombal, autor da tese sobre este tema, “o estudio é novo a nivel de toda a península ibérica”, e aínda que existen investigacións semellantes máis ao norte, “a nivel mundial aínda non se vira a acumulación de metais pesados en lugares tan ao sur”.

Metais pesados no ar
Dáse a circunstancia de polas súas especiais características, as plantas que medran en turbeiras reciben unicamente deposicións de metais pesados procedentes da atmosfera, o que permite coñecer os procesos de contaminación aérea en longos períodos de tempo. A turbeira do Penido Vello no Xistral, por exemplo, creouse hai xa cinco mil anos, e conserva nos seus estratos diferentes niveis destes materiais desde entón. Comparando eses niveis cos existentes noutras turbeiras da mesma época situadas no norte de Europa, “demostrouse que moitos dos contaminantes móvense cara o norte pola dinámica da atmosfera”, o que explica por exemplo, a concentración destes elementos no Polo Norte.

Historia en turba
Do mesmo xeito, as variacións na concentración de chumbo nesta turbeira, revelaron que desde a Idade de Ferro a contaminación por este metal na atmosfera, motivada pola actividade metalúrxica e mineira, foise incrementando ata chegar a quintuplicar os niveis iniciais durante a dominación romana. Ademais, a turbeiras revelan tamén que esa actividade non diminuíu durante o período de dominación xermánica en Galicia e ata recollen o incremento de contaminación que se xerou durante o proceso de exploración de América coa grande explotación de recursos naturais que iso supuxo. “Nos últimos trescentos anos detéctase un incremento progresivo e sen retroceso nos índices de chumbo que aparecen nas turbeiras”, sinala Xabier, aínda que recoñece que “vese unha caída nos últimos cinco ou dez anos por efecto da implantación da gasolina sen chumbo”. O outro grande marcador que se conserva nas turbeiras é o mercurio. Os niveles existentes no Xistral revelaron que foi hai arredor de 2400 anos cando comezou na Península Ibérica a explotación mineira deste metal. A comparación de datas e o coñecemento da dinámica que ten este material na atmosfera revelou que o mercurio acumulado no Xistral ten a súa orixe nas minas de Almadén, postas en marcha en tempos dos romanos. Se estes datos semellan sorprendentes debemos pensar que nas turbeiras tamén se detecta o incremento de contaminación que supuxo a apertura e evolución da central térmica das Pontes hai arredor de trinta anos. Ademais, e sabendo a estrema sensibilidade que o mercurio ten ao calor, o equipo da USC puido reconstruír as temperaturas medias dos últimos cinco mil anos, conseguindo datos sobre variacións coma a “pequena idade do xeo” que se deu entre os séculos XVI e XVIII e sobre a que non existían rexistros medibles. A través destas turbeiras comprobouse que a temperatura media diminuíu durante este período entre dous e tres grados.

Cambio climático
“Xa non só o que se faga aquí, senón que o estudio destes patróns en turbeiras de todo o mundo permite saber como responden os ecosistemas aos cambio climático actual ademais de ver como mudaron ao longo do tempo” sinala Xabier. É dicir que as turbeiras permítennos, ademais de coñecer a nosa propia historia, prever a evolución futura. Neste sentido, o equipo de investigadores quere analizar agora unha nova vertente das turbeiras que é a súa función coma acumuladores de carbono. É dicir, a materia orgánica conservada nestas formacións emitirá grandes cantidades de dióxido de carbono á atmosfera no caso de se producir un incremento acentuado de temperaturas, contribuíndo á súa vez ao efecto invernadoiro. Neste sentido queren analizar polo miúdo a evolución deste elemento nos últimos cinco mil anos. En colaboración con Isabel Fraga, do Departamento de Botánica, tamén están a traballar en estudios de paleobotánica, vendo a evolución e a distribución das comunidades vexetais en función da turbeiras.

Perigo e posta en valor
O estudio realizado por estes investigadores inclúe tamén o primeiro traballo de descrición das turbeiras galegas, e revelou tamén que a súa extensión é de arredor de dez mil hectáreas, unha cifra moi superior ás trescentas que había contabilizadas ata o de agora. A pesar da súa importancia, as turbeiras do Xistral corren graves riscos na actualidade. Segundo explica Xabier “arredor da cuarta parte dos parques eólicos que se van construír en Galicia van para o Xistral”, apunta o investigador e “dos arredor de vintedous que hai previstos, sete xa están montados”. Ademais do dano que produce a propia montaxe dos parques, a apertura de pistas forestais que se realiza con estas instalacións permite un fácil acceso a zonas antes ás que só de podía chegar a pé, e con isto, facilita a explotación das turbeiras para pastoreo ou creando plantacións forestais, o que produce a miúdo máis dano que os propios parques eólicos. Este verán xa se rexistraron incendios en lugares que nunca antes arderan. Desde o grupo de investigación consideran a situación non ten trazas de mellorar, xa que a construcción de parques eólicos corresponde a un plan estratéxico e no caso de impedir a súa construcción habería que indemnizar as empresas encargadas destes traballos. “O que si se pode facer é manter un mellor control e que os proxectos sexan verdadeiramente respectuosos co seu contorno”, explica Xabier. Polo de agora, o futuro destes arquivos está aínda en suspenso.