A obra 'O livro das contrárias', do noiés Agustín Ángel Agra Barreiro, foi a escollida polo xurado da XXVI edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole, convocado polo Concello de Lugo. A obra gañadora destacou sobre as demais, a xuízo das integrantes do xurado, "pola solidez narrativa, a análise psicolóxica das personaxes, o amplo léxico e a documentación que alicerzan a trama". Segundo a acta o resultado é unha obra de actualidade e ambiente cosmopolita "que dialoga cunha ausencia, poñendo en dúbida os límites da memoria". Para o xurado esta novela narrada por unha voz feminina navega entre a linguaxe da fotografía, o xénero epistolar e a presenza icónica do mundo natural. "Estes fíos tecidos constrúen unha obra de aparencia intimista, pero que revela puntos de conexión con temas tanto ambientais como de recuperación das voces e olladas das mulleres no ámbito científico, sempre a través dunha sensitiva voz narradora", sinalan. Agustín Agra recibirá un premio de 4.000 euros e a obra será publicada por Edicións Xerais de Galiza. O xurado desta edición estivo formado pola poeta e mestra de lingua e literatura galega Mariña Pérez Rei, o escritor e libreiro Fabio Rivas Pardo, e a escritora, tradutora e intérprete María Reimóndez Meilán.