Unha paisaxe romana para despois da guerra

Os arqueólogos datan o campamento romano do Alto da Raia ao redor do cambio de era

Os arqueólogos datan o campamento romano do Alto da Raia ao redor do cambio de era
Forno de campaña romano documentado na escavación arqueolóxica.
Un equipo de arqueólogos liderados polo arqueólogo João Fonte (Era-Arqueologia) conseguiron datar un posible recinto fortificado romano de tres hectáreas de extensión localizado no val do Salas e compartido entre o concello portugués de Montalegre e o galego de Calvos de Randín. O xacemento está datado entre o século I a.C. e o século I d.C., o cal sitúa a presenza romana neste territorio xa "na época das coñecidas como Guerras Astur Cántabras ou nos episodios posteriores de pacificación ou nos primeiros momentos de consolidación do poder romano". A investigación levouse a cabo cunha combinación de diferentes técnicas de datación absoluta e relativa que deitaron luz tamén sobre a dieta seguida polos militares romanos ou mesmo a identificación dos primeiros fornos de campaña romanos do Noroeste ibérico, empregados para a cocción da ración de pan e con paralelos habituais nos campamentos de conquista de Britania. Os resultados foron publicados no traballo "Roman-indigenous interaction in the Salas River valley (Northwest Iberia): the Roman camp of Alto da Raia and its archaeological landscape", publicado no último número (33.1) de Spal. Revista de prehistoria y arqueología da Universidade de Sevilha. Nel participaron investigadores de máis de dez entidades científicas internacionais. En maio de 2021 o xacemento foi escavado e se puideron documentar estruturas defensivas coma os foxos.

A investigación conseguiu determinar que a cronoloxía deste establecemento militar móvese ao redor do 50 a.C. e o 50 d.C. A datación foi obtida por diferentes métodos coma o carbono 14 ou a luminiscencia. O abandono do campamento non significou nese momento a súa destrución, senón que a fortificación se foi degradando co paso do tempo. Pero as tecnoloxías empregadas, como o xeorradar ou o gradiómetro, permitiron localizar un fenómeno tamén inédito no noroeste ata o momento: o campamento foi construído sobre un antigo espazo de actividade na Idade do Bronce e na Idade do Ferro, con cabanas e estruturas por debaixo do sistema defensivo romano. A investigación permitiu tamén identificar o tipo de cereais e froitos empregados nos fornos, que son consistentes por unha banda cos cereais que existían na Península Ibérica na Idade do Ferro, coma o millo miúdo ou o trigo, pero que tamén indican posibles subministros propios do noroeste, como a spelta. A presenza de figos está vinculada á dieta que recibían os militares romanos.

O campamento de Alto da Raia está localizado "de xeito exposto" nun territorio rodeado de castros. Isto implica, segundo os investigadores, "que a súa presenza pódese relacionar co proceso de reorganización territorial e explotación de recursos que sucedeu inmediatamente despois da conquista e integración desta área no Imperio romano". Para os arqueólogos, "isto abre interesantes preguntas ao redor das interaccións diplomáticas potenciais entre o exército romano e as comunidades indíxenas que habitaban nesta área, incluíndo a transferencia de coñecemento ou determinadas prácticas".