O arquivo do Pazo de Froián pasa a mans do CSIC

A doazón achega unha ducia de caixas de documentación histórica sobre este monumento de Sarria

A doazón achega unha ducia de caixas de documentación histórica sobre este monumento de Sarria
Sinatura da doazón do arquivo do Pazo de Froián ao IEGPS. Fonte: CSIC
O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), integrado na delegación galega do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), recibía este 12 de marzo a doazón do arquivo documental do Pazo de Froián, en Sarria. Os irmáns Augusto, José Evaristo e María Adela Lagarde Gayoso, actuais propietarios do conxunto coñecido como San Sadurniño de Froián ou Freán acordaron ceder estes bens á institución para a súa conservación e inventariado, a atender ao seu potencial interese para investigacións históricas.

O fondo documental obxecto da cesión ascende "a máis dunha ducia de caixas de documentación" e "rolda o millar de escrituras manuscritas cunha cronoloxía que abarca desde a primeira metade do século XVI ata as primeiras décadas do século XX", segundo apunta o IEGPS. O material recolle referencias de diferentes concellos do interior de Galicia e inclúe mencións a liñaxes históricas da nobreza galega como Guitián, Losada, Ribadeneira, Sánchez de Orozco ou, en datas máis recentes, Quiroga ou Gayoso, actuais propietarios do pazo.

Testamentos, partillas, escrituras de compra e venda, foros, arrendamentos, concordias, apeos, executorias de preitos, apuntamentos xenealóxicos e outros manuscritos referentes á xestión e administración de bens e cobros de rendas compoñen o groso do legado, que agora será inventariado e dixitalizado para a súa consulta en aberto.

Segundo lembra a entidade, "o IEGPS, cuxa misión é a análise do patrimonio e o seu papel na configuración social das sinais identitarias de Galicia desde os séculos medievais ata a actualidade, conta cunha biblioteca das máis valiosas e mellor nutridas de temática galega". Este patrimonio "destaca polos seus fondos antigos, sobre todo prensa local e a bibliografía histórica española, especialmente galega e portuguesa; por unha importante sección de manuscritos, entre os que destacan algúns arquivos de especial relevancia para a historia contemporánea de Galicia, froito de adquisicións e doazóns previas e por un valioso patrimonio de carácter histórico-artístico, parte do mesmo como herdeiro patrimonial e continuador do Seminario de Estudos Galegos".