A poesía en territorio de conflito protagoniza o VII Alguén que respira!

Santiago de Compostela acolle a nova edición deste encontro entre os días 21 e 23 de marzo

| Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:
A poesía en territorio de conflito protagoniza o VII Alguén que respira!

A sétima edición do festival Alguén que respira! chega a Santiago a coincidir coa celebración do Día da Poesía. Entre o 21 e o 23 de marzo o programa que organiza o Concello de Santiago co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística encherá as rúas de versos. A "poesía en territorio de conflito, con especial atención ás áreas de enfrontamento bélico, pero tamén as tensións sociais, a das identidades ou as que suceden no corpo" preséntase como eixe desta xeira, segundo sinala a organización.

Un café faladoiro con Alfonso Armada e Carmen Villar Alonso sobre "Escribir en territorio de conflito" iniciará as actividades deste encontro o 21 de marzo no Teatro Principal da capital galega. O mesmo lugar acollerá ás 20 horas a lectura do Manifesto Ecopoético que escribiu Armada polo Día Mundial da Poesía.

A seguir, o recital Poesía para corpo principal reunirá na mestura de música e palabra as propostas da catalá María Sevilla coa poesía sonora do aragonés Gustavo Giménez e as propostas performativas do portugués André Tecedeiro. Como feche da xornada, poderase ver por vez primeira en vinte anos a colaboración entre a voz de María do Cebreiro e o piano de Abe Rábade.

Para o día 22 o faladoiro corre a cargo de Cristina Sánchez e Iván Prado a tratar "o territorio como conflito", e o recital da tarde, co título A palabra percórreme a pel como beliscos de lume I, reunirá as voces de Hasmik Simonian, Nigar Arif, Mohamed Bitari, Tal Nitzan, Zara Hasnaui, Karima Ziali e Hekin Sefkan, acompañados por Isabel Martín e Samuel Merino.

A xornada final do encontro conta con Caetano Díaz e Daniel González Palau a falar de "un mundo en conflito" e unha edición de Atrevesei a cerca. Esta proposta leva a poesía a espazos do Teatro Principal habitualmente fechados ao público, nesta ocasión a contar con Olalla Cociña, Dores Tembrás, José María Cumbreño e Luís López Alonso con Rafael Mallo. O recital de feche, A palabra percórreme a pel como beliscos de lume II contará cos nomes de Aroa Misa García, Claudia Romero Dorna, Serxio Abalo, Alidé Sans, Guadi Galego, Eskarnia e No poet.

Que che parece esta nova?
75 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega
Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Poesía, Santiago de Compostela, Política Lingüística, Secretaría Xeral de Política Lingüística...