Emilio Fonseca gaña en Málaga a Biznaga ao mellor documental con 'Salvaxe, salvaxe'

Luis Zahera sae premiado polo seu papel en 'Pájaros'

O Festival de Málaga pechou xa a súa 27ª edición cun palmarés que alcanza algunha das moitas propostas xurdidas desde o audiovisual de Galicia. É o caso do documental 'Salvaxe, salvaxe' (Walkie Talkie Films), debut de Emilio Fonseca (Ourense, 1978) na realización de longametraxes que volve de Málaga coa Biznaga de Prata a Mellor Documental, o premio máximo da Sección Oficial de Documentais do certame. O xurado decantouse polo filme de Fonseca "por repensar a categoría de Salvaxe desde a nosa apocalipse climática, reinventando unha sensibilidade híbrida onde ollo e oído vólvense medio animal medio humano medio técnico, para invitarnos a reeducar a nosa capacidade de asombro, tenrura e conciencia interespecie", aseguran no seu ditame. O galardón inclúe un premio en metálico de 4.000 euros.



SALVAXE, SALVAXE_TRÁILER from FESTIVAL DE MÁLAGA on Vimeo.



Esta produción galega achégase ao lobo ibérico desde un cinema "inmersivo e político: un anti-documental de natureza", segundo a súa comunicación. Neste sentido, a cinta ensaia novas imaxes para representar a vida no planeta, superando a tradición do “documental de natureza”. 'Salvaxe, salvaxe' está rodada en Galiza e Portugal e conta cun equipo galego e catalán. Ademais de dirixir, Emilio Fonseca é coautor do guión xunto con Xiana do Teixeiro, á vez produtora do filme. A cargo da música está o compositor ferrolán de música experimental Ángel Faraldo; o creador Xoán-Xil López encárgase do deseño sonoro, Laura Iturralde dos efectos visuais e Laura Ginès e Pepón Meneses do deseño de animacións e a dirección de arte. Ademais contou coa colaboración e o asesoramento científico de varios investigadores galegos e portugueses, particularmente do Centro de Investigação em Biodiversidade e Recursos Genéticos (CIBIO) da Universidade de Porto. O filme conta, así como co apoio do Ministerio de Cultura a través do ICAA, a Xunta de Galicia a través da Agadic e da Televisión de Galicia. Na súa fase de produción o filme pasou polo lab de L’Alternativa (Cinema Pendent), onde foi premiado, e polo programa "Base" do festival de cinema e novos medios Intersección.

Máis premiados con acento galego
No que ten que ver con Galicia, o palmarés do festival malagueño tamén alcanzou a outros profesionais de distinto xeito. Así o actor Luís Zahera veu recoñecido o seu traballo na longametraxe 'Pájaros' recibindo a Biznaga de Prata á mellor interpretación Masculina na Sección Oficial de Longametraxes. O actor comparte esta distinción ex aequo con Joaquín Furriel polo seu traballo en 'Descansar en paz'. Por outra banda os recoñecementos chegan tamén á produtora galega Ficción Producciones así como á TVG que forman parte das compañías detrás da produción do filme 'Tratamos demasiado bien a las mujeres', dirixido por Clara Bilbao, que acadou o Premio Asecan (Asociación de Escritoras y Escritores Cinematográficos de Andalucía) Ópera Prima da Sección Oficial de Longametraxes. No elenco artístico da película están Luis Tosar, Diego Anido e Cristina Iglesias.