Doce textos para descubrir as mil caras dun autor "oceánico"

O CCG presenta un volume que estuda a obra de Sarmiento desde múltiples perspectivas científicas

| Santiago. Redacción | Seccións: Historia
Compartir:
Cuberta do libro

Cuberta do libro

Martín Sarmiento (1695-1772) foi autor dunha das obras intelectuais máis destacadas da España do século XVIII pero boa parte do seu traballo ficou inédito e sen ir ao prelo durante moitos anos. Xunto coas diferentes iniciativas de dixitalización e difusión levadas a cabo polo CCG desde a conmemoración do tricentenario do seu nacemento en 1995, sucedéronse biografías sobre o autor e algúns estudos sobre a súa obra pero "había vinte anos que non se abordaba un estudo crítico colectivo da súa obra", destacou Henrique Monteagudo, editor da publicación dixital Erudición e ilustración. Estudos sobre Martín Sarmiento. Trátase das actas do Simposio Martín Sarmiento. De historia natural e todo xénero de erudición, que foron presentadas esta mañá no Consello da Cultura Galega. A publicación está xa dispoñible para descarga no web do Consello da Cultura Galega e posteriormente se distribuirá tamén unha versión impresa.

Ese estudo colectivo foi levado a cabo por especialistas que abordaron a obra sarmientina desde diferentes aspectos. Deste xeito, o propio Monteagudo, profesor da Universidade de Santiago, abordou a obra máis estensa do frade beneditino, a Obra de 660 pliegos, Joaquín Álvarez Barrientos detívose na figura do padre Sarmiento no panorama intelectual do século XVIII, Ernesto Zaragoza estudou a toma de hábitos de Sarmiento en Madrid e Xosé Antonio López Silva detívose no Sarmiento anticuario. Gonzalo Navaza estudou as achegas de Sarmiento sobre a toponimia galega e Pegerto Saavedra detívose na conflitividade ao redor da terra e a súa propiedade. Xoán Carmona estudou a visión do comercio e da industria e María Álvarez Lires estudou a Sarmiento como introdutor das teorías de Isaac Newton en España. Francisco Díaz-Fierros detívose na presenza do reino mineral e Jesús Izco na tradución dos nomes vulgares das prantas á nomenclatura de Linneo. Fran Saborido estudou o mar e a pesca na obra do frade e Concepción Varela a recepción da súa obra ao longo da Europa do XVIII e XIX.

Que che parece esta nova?
119 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Martín Sarmiento, Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, Xénero...