A Semana Galega da Filosofía encara a súa cita número corenta reflexionando arredor do paso do tempo e poñendo o foco sobre a figura da filósofa Hannah Arendt (1906-1975). Coa cuarta dimensión como base, serán numerosos os autores multidisciplinares que participarán no programa a desenvolver entre o 1 e o 5 de abril en Pontevedra, dividindo as intervencións en tres fases (divididas tamén polas súas franxas de tempo), falando nas sesións de mañá sobre o 'Tempo da filosofía', polas tardes achegándose desde unha perspectiva máis nosa como 'Galiza no tempo' e deixando as sesión de noite para a reflexión en clave de contemporaneidade de 'O noso tempo'. Abrirá este encontro a conferencia da investigadora do Seminari Filosofia i Gènere-ADHUC (UB), Fina Birulés, coa intervención sobre a autora destacada, "Un pasado para o presente? Hannah Arendt". En total serán quince as intervencións que configuran este programa do encontro organizado pola Aula Castelao de Filosofía. Por Pontevedra pasarán, ademais da mencionada Fina Birulés, o escritor Manuel Cabada; o neurofísico Xurxo Mariño; a filósofa Ana Carrasco Conde; Anselmo López Carreira, historiador; Ana de Miguel Álvarez; a profesora María Leyra; o filósofo Franco Bifo Berardi; Arturo Leyte; Carlos Callón; Isabel Balza, profesora da Universidade de Jaén; Francisco Conde Soto (USC); a poeta e Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño; Cristina García Sainz, profesora de Socioloxía (UAM) e Alicia H. Puleo. O programa completo xa está dispoñible.