Os murais de Lugrís da Rúa Fornos xa son BIC

O DOG recolle a incoación do expediente que lles outorga a máxima protección legal a estas pezas

O Diario Oficial de Galicia desde 5 de marzo recolle a incoación do expediente polo que se declaran Ben de Interese Culturais os murais de Urbano Lugrís que se conservan na rúa Olmos da Coruña. Esta declaración, que se deberá completar no prato dun ano e está aberta a alegacións, outórgalles de xeito preventivo a máxima protección legal a este conxunto, e outórgalle á xunta a posibilidade de o adquirir en caso de que se vendan a exercer o dereito de tanteo. Ademais, esta declaración obriga ás persoas ou entidades propietarias do conxunto a o conservar e a garantir o acceso público ao mesmo.

A declaración describe polo miúdo as características destes bens, a atender a súa técnica e estilo, e apunta que se trata dun "conxunto de 12 pinturas murais que compoñen un estudado e ben articulado proxecto decorativo onde pintura, estruturas arquitectónicas e elementos decorativos intégranse formando unha obra de arte única e espacialmente unitaria".

Segundo destaca o expediente, o comedor principal do antigo restaurante Fornos acolle unha gran Mariña coa Torre de Hércules e catro tondos con fondos mariños, e outras cinco pinturas sobre arcos de separación e nun lintel. Á listaxe súmase un "arcosolio decorado que enmarca unha impoñente vista da Coruña", unha "pintura independente do conxunto, con perfís recortados sobre a parede, onde se representa unha esfera celeste, unha copa, un catalexo e dúas bandeiras cun fondo mariño", elementos decorativos conformados por "catro vieiras de escaiola cun relevo no centro da Torre de Hércules" e, finalmente "unha pintura mural de pequenas dimensións con marco de madeira" que representa "unha embarcación semellante a unha nao".

Segundo recolle o DOG, "tendo en conta a calidade e o contexto artístico, este conxunto de 12 pinturas murais integradas nun espazo arquitectónico, merece entrar a formar parte do noso patrimonio cultural máis significativo e gozar do maior grao de protección para garantir a súa conservación e a súa proxección cara ás futuras xeracións". O texto destaca "a alta calidade artística das obras realizadas por unha das personalidades máis destacas da arte galega que, a diferenza doutros autores e autoras contemporáneas, pasou a formar parte do imaxinario colectivo".

Encol do conxunto, salienta o carácter excepcional do traballo na obra de Lugrís ao se tratar "dunha obra de arte complexa, xa que estamos ante un proxecto decorativo vinculado a un espazo arquitectónico" do que non se conservan exemplos similares do mesmo autor. "A diferenza doutros proxectos decorativos do mesmo autor, neste caso estamos ante unha composición na que pintura e arquitectura forman parte dun todo único e só como tal pode comprenderse na súa auténtica dimensión artística", sinala o texto.

Na declaración menciónase tamén que "o grao de popularidade e recoñecemento que a nivel cidadán alcanzou a obra mural de Lugrís resulta completamente insólita", xa que "precisamente por atopase en lugares públicos de cidades como Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, en establecementos que forman parte da vida social de varias xeracións de galegas e galegos, chegaron a converterse nun fenómeno cultural que, como tal, desemboca na creación de colectivos e asociacións cidadás como O Mural e In Nave Civitas".

En paralelo, e segundo publica este día 5 La Voz de Galicia, a galería Montenegro, que fixera unha oferta pra adquirir este conxunto, retirouse da poxa para adquirir estes bens que abrira o xulgado do Mercantil número 3 da Coruña no marco dun concurso de acredores.