A editorial Galaxia presenta a súa nova sede virtual +Galaxia

Ofrece diferentes ferramentas para permitir acceso ao catálogo histórico e contacto entre lectores e autores

Ofrece diferentes ferramentas para permitir acceso ao catálogo histórico e contacto entre lectores e autores
A editorial Galaxia presentou hoxe cun acto na Cidade da Cultura de Galicia a súa nova ferramenta dixital, a sede virtual da editorial, nomeada como '+Galaxia' , e segundo os seus responsables pretende ser "a de sempre pero máis preto que nunca". No acto, participaron Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia; Xosé M. Soutullo, director xeral; Alba Gil, responsable de Innovación; Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración, e a través de vídeos ou conexións en directos diferentes autoras e autores da casa, como Antón Riveiro Coello, Marilar Aleixandre, Raquel Castro e Xavier Alcalá. Marcos S. Calveiro tirou de estatutos fundacionais para colocar este momento na traxectoria de coherencia da editorial, creada en 1950 e que tiña a universalidade, lingua e cultura como obxectivos. Segundo afirmou Xosé Manuel Soutullo, a sede virtual e plataforma terá un papel relevante na celebración do 75 aniversario da editorial a celebrar o vindeiro ano 2025.

No evento, que se puido seguir de maneira presencial e telemática, o equipo de Galaxia, coa colaboración de Inova, Teltek, Ultreia e Territorio Web, explicou as principais características de +Galaxia. Entre outras cousas neste proxecto a editorial aposta por un espazo de comunicación entre lectores e autores, diferente ao das redes sociais e anima a fornecelo con materiais propios e crear espazos propios por parte dos creadores. Ademais a plataforma fornece dunha ferramenta para a realización de xuntanzas telemáticas, xa sexa de uso interno como públicas , así como o acceso a todo tipo de actividades realzadas por Galaxia como exposicións feitas ex-profeso para a plataforma ou presentacións de libros, entrevistas con autores e autoras, etc. A nova sede virtual ofrece tamén un importante acceso ao catálogo histórico de Galaxia, ofrecendo nunha fase inicial a posibilidade de consulta dos índices da revista Grial coa posibilidade de facer buscas sobre eles e acceder ao completo a todos os números publicada ata hai dous anos. Estas posibilidades entenderanse posteriormente am outras publicación periódicas como o Anuario de Estudos Literarios Galegos e a Revista de Economía de Galicia. Unha parte anovadora é a oferta de impresión baixo demanda, que permitirá recuperar e adquirir títulos descatalogados e outros que só serán accesibles deste xeito.

Ligazóns