A segunda edición do festival Imaxinaria chega á Coruña

O encontro de animación celébrase entre o 6 e o 10 de marzo na sede de Afundación

Coa recoñecida cineasta checa Michaela Pavlátová como madriña, este seis de marzo abre as súas portas na Coruña a segunda xeira de Imaxinaria, o festival internacional de animación de Afundación. O cineasta Alberto Vázquez coordina canda a Matilde Rodríguez este encontro que pretende "crear un espazo de encontro, divulgación, e proxección para o sector da animación, a nivel galego, nacional e internacional".

Ademais de actuar como xurado e participar dun coloquio, Pavlátová protagonizará un ciclo monográfico dos seus traballos. Canda a ela, Iria López e David Fidalgo Omil comporán o comité de selección desta edición, que se desenvolve ata o vindeiro día 10 na sede de Afundación na cidade.

Como novidade desta edición, o evento incorpora a sección Do cómic á animación, centrada en obras que chegaron da novena arte á animación. O director e debuxante Lorenzo Mattotti participa como convidado desta sección na que se poderá ver o seu filme A famosa invasión dos osos en Sicilia e a longametraxe Robot Dreams que aspira a un Oscar.

A sección oficial está composta por 44 curtametraxes, das cales 9 son estreas en España e 27 en Galicia. Dentro desta, haberá ademais unha sección orientada ao público familiar composta por nove producións. Todas elas competirán polo Gran Premio Imaxinaria, dotado con 1.500 euros, o Premio Xurado (1.000 euros), o do Público (500 euros), o do Público Infantil (500 euros) e o Premio Territorio (500 euros). Unha homenaxe a Walt Disney protagoniza o apartado Retina do programa, cunha selección de filmes temperáns do autor canda a unha proxección da súa obra Fantasía.

A sección Radar Galicia, pola súa banda, acollerá a proxección dos traballos máis recentes da animación do noso país, entre elas To bird or not to bird, de Martín Romero, recoñecida cun Goya. Canda a el, proxectaranse traballos de Mario Fernández Filloy, Xosé Zapata, Jorge Moiras, Borja Santomé, Miguel Flores Da Costa e José Garnelo, directores que participarán dun coloquio colectivo.