A Rede de Centros Museísticos de Ferrolterra programa a súa primeira exposición conxunta

O Museo Naval de Ferrol acolle unha selección de pezas dos trece espazos ata o vindeiro 12 de maio

| Santiago. Redacción | Seccións: PatrimonioExposicións
Compartir:
A Rede de Centros Museísticos de Ferrolterra programa a súa primeira exposición conxunta

Co título Museos de Ferrolterra 2024, o Museo Naval de Ferrol inauguraba este venres 23 de febreiro a primeira exposición conxunta da Rede de Centros Museísticos de Ferrolterra. Este proxecto, comisariado por Francisco Romeo Fonticoba, amosa unha selección de fondos dos trece espazos que compoñen actualmente a rede nacida en 2023.

A exposición pretende "dar a coñecer e reunir nun mesmo espazo a oferta museística" da comarca, segundo explica o web desta iniciativa. "É unha colaboración recíproca entre todos estes museos participando de forma conxunta nesta Exposición, onde cada museo/centro de interpretación e a Cátedra de Arqueoloxía de Ferrol, terán un espazo da Sala para mostrar algúns dos seus fondos e un panel informativo de cada un deles. Amósase así a variedade temática dos museos de Ferrolterra e a súa singularidade".

Desde a constitución da rede en xuño de 2023, saíron desta entidade o Museo Mares e o Castelo da Concepción en Cedeira, e mais o Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas de Moeche. En paralelo, incorporáronse á mesma o Arqueódromo de Ferrol e os centros de interpretación A Mina das Pontes e dos Andrade de Pontedeume.

Canda a estes, o Museo Naval, o Exponav, o Museo da Sociedade Galega de Historia Natural, o museo Pérez Porto, os etnográficos da Capela e de Monte Caxado, a Casa do Mel, o centro de interpretación de Caldoval, o Océano Surf Club de Valdoviño e o Museo do Humor Xaquín Marín participan da iniciativa que permanecerá aberta ata o vindeiro 12 de maio.

Que che parece esta nova?
101 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ferrolterra, Museos, Xaquín Marín, Xaquín Marín...