Setenta e cinco títulos no catálogo promocional Films from Galicia 2024

A Xunta promove con el a produción audiovisual estes días en Berlín

A Xunta promove con el a produción audiovisual estes días en Berlín
Como xa é habitual no calendario audiovisual, a Xunta comeza no European Film Market de Berlín, o mercado paralelo á Berlinale, a promoción do novo catálogo Films from Galicia de 2024, integrado nesta edición por 75 títulos galegos para cine e televisión. Clasificadas en longametraxes cinematográficas de ficción, documentais, animación e televisión, 34 das producións xa están rematadas e as 41 restantes están ultimando a fase final para a chegada ás pantallas. A selección de Films from Galicia compleméntase coas curtametraxes que integran Shorts from Galicia, que xa foi publicado baixo a súa propia marca a comezos deste mes de febreiro canda á celebración do Festival de Clermont-Ferrand (Francia). Ambas escolmas forman parte do programa de internacionalización do noso audiovisual que desenvolve o Goberno galego dentro Plan Xeración Cultura, e serán promovidas ao longo do ano nos principais mercados e feiras internacionais de referencia.



Todas as producións que conforman Films from Galicia (35 películas de ficción, 24 documentais, seis obras de animación e 10 formatos televisivos) están presentes neste compendio como resultado dunha convocatoria ao sector para formar parte do devandito catálogo, dispoñen cada unha da súa propia entrada no catálogo, onde se poden consultar a ficha artística e técnica, a sinopse, a imaxe do cartel, o palmarés e os datos de contacto para a venda e distribución. A publicación, editada en inglés e con versión física e dixital interactiva, irá acompañada dun vídeo para poñer en valor a calidade e a variedade da oferta galega, ademais de contribuír a difundir o noso territorio como escenario de rodaxe. Inclúe tamén unha listaxe cos contactos das compañías produtoras. O catálogo Films from Galicia comezou a súa elaboración da man do extinto Consorcio Audiovisual de Galicia, pasando a ser competencia da Axencia Galega de Industrias Culturais en 2012, que leva editándoo e promovéndoo desde entón.


Catálogo Films from Galicia 2024.