A RAG analiza a toponimia de Antas de Ulla nun novo volume de Terra Nomeada

A colección ten tamén dispoñible no seu web unha nova obra dedicada a Muros

A Casa da Cultura de Antas de Ulla acollía este 16 de febrero a presentación de Toponimia de Antas de Ulla. A obra que realizou a filóloga Andrea Santiso Arias a partir do seu Traballo Fin de Grao analiza os nomes de lugar deste concello no marco da colección "Terra nomeada" da Real Academia Galega.

Segundo sinala institución, a obra de Santiso recolle a orixe e o significado de 163 nomes, entre eles o do lugar de Nugallás, onde se localiza o centro xeográfico de Galicia. A autora sinala que este topónimo, único no país, pode facer referencia á abundancia de nogueiras na zona ou ser un termo despectivo vencellado ao adxectivo "nugalláns".

Canda a este, o estudo dá conta doutros dous topónimos só localizados en Antas. Bellós, de etimoloxía descoñecida, podería derivar do nome propio dun antiguo posesor do lugar. Dorra, pola súa banda, figura nun escrito do ano 572 do Liber Fidei Sanctae Bracarensis Ecclesiae, manuscrito no que se establece a delimitación oficial de once circunscricións territoriais da diocese de Lugo.

Ademais deste volume, a sección de publicación no web da RAG recolle Toponimia de Muros, outro lanzamento desta colección. O profesor Alfonso Blanco Quintela, do IES Fontexería de Muros, analiza nesta obra os 105 topónimos da toponimia maior de Muros e sete nomes de lugar pertencentes á toponimia menor.

O autor localiza nesa obra tamén topónimos únicos como A Alivía, que vencella coa existencia dun curso de auga, Bornalle, que relaciona coas uzes, ou As Cambadas. Neste último Blanco apunta o significado desta palabra como "restra de peixes enganchados nunha póla curva, igual que a camba é a peza curva da roda do carro. Con isto, dedúcese facilmente que o significado desa antiga raíz é 'obxecto curvo'. Así, os nomes de lugar que a teñen deberon, nalgún momento, chamar a atención por presentar ondulacións no terreo (esa é a configuración do terreo nas Cambadas de Tal), ben por ser unha enseada ou un relanzo".