O Centro Multimedia de Galicia leva catro anos achegando a sociedade da información a través de cursos de formalización e ofrecendo soporte aos contidos culturais

Formar, dixitalizar e divulgar

Desde hai case catro anos a Xunta de Galicia creou un centro desde o que estimular o desenvolvemento e a formación do mundo multimedia e o audiovisual. Trátase do Centro Multimedia de Galicia (CMG), un espacio coordinado desde unha sede central na rúa do Hórreo en Santiago que conecta cunha rede de aulas por toda Galicia aproveitando os servicios da Autoestrada Galega da Información.

O Centro Multimedia de Galicia non é un centro de ensino ao uso. De feito, como realidade completa nin tan sequera é un espacio físico, é un proxecto desde o que e pretende, segundo figura no seu propio web, dotar de contidos na nova Sociedade da Información desde a creación da Autoestrada Galega da Información.

A mesma páxina web queda claro que os seus principais obxectivos son “estimular o desenvolvemento e a formación no mundo do multimedia e do audiovisual, promover eventos culturais e dar solucións tecnolóxicas para organizar a información da que dispoñen os diferentes organismos dependentes da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo”.

Estructura interna

O Centro Multimedia de Galicia (CMG) ofrece servicios a unha realidade cada vez máis ampla. Ten un centro neurálxico en Santiago de Compostela, na rúa do Hórreo, desde o que se conectan a través da Autoestrada Galega da Información as diferentes aulas multimedia. Unha rede de aulas que cumpren as mesmas características: ter unha sala audiovisual (con equipos destinados á proxección, á imaxe e son e de videoconferencia) e unha sala web (formada por equipos informáticos con acceso a Internet de alta capacidade a través da Autoestrada Galega da Información).

A día de hoxe existen dez aulas espalladas por toda a xeografía que van desde A Coruña ata Verín e desde Ribeira ata Monforte con salas para albergar de 40 a 276 persoas e de 6 a 12 postos multimedia. Aulas que se interconectan entre si mediante videoconferencia e que permiten que alumnos en Pontevedra ou Monforte poidan seguir as instruccións dun profesor que está a impartir a clase en Santiago.

Obxectivos

E ¿como consegue os seus obxectivos? Con tres piares básicos: por unha banda servir de soporte para contidos que elaboran outras institucións ou organismos, por outra, promover cursos de formación e en terceiro lugar por ao dispor o software de xestión documental co que conta para dixitalizar, almacenar, indexar ou buscar información.

A formación: un hándicap cada vez máis necesario

O pasado mes de setembro, o centro presentou a cuarta edición do seu programa de formación. Entre a listaxe de cursos previstos para este ano figuraban cursos de iniciación (á internet, á creación de sitios web), dun nivel máis avanzado para vídeo dixital e producción audiovisual 3D, tentando achegarse ao diferente coñecemento das ferramentas web que hai a día de hoxe.

Nestes catro anos de traballo de formación, desde o Centro Multimedia de Galicia foron completando etapas. No primeiro ano converteuse nunha experiencia piloto sen a penas referentes e o seu principal obxectivo era ensinar a empregar ferramentas de software ou soporte lóxico existentes no mercado. As 663 persoas que pasaron polas aulas animaron a seguir nunha segunda edición introducindo programas máis complexos e de aplicacións desde xestión documental ata deseño web.

Soporte en rede

A formación é o proxecto máis visible co que conta o Centro Multimedia de Galicia, pero non é o único. Desde a súa creación a Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual encárgase de poñer a disposición dunha serie de bibliotecas a infraestructura centralizada que dará soporte informático e mantemento ao sistema tecnolóxico da Biblioteca de Galicia. Forma parte do sistema chamado Innopac/Milenum polo que as bibliotecas públicas municipais se incorporan a un sistema bibliotecario multimedia en rede. Ademais, e dentro do “Programa Internet nas Bibliotecas” promovido desde o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, o CMG encárgase de crear puntos de acceso a internet de alta velocidade e de xeito gratuíto nas bibliotecas públicas.

Dixitalización
Por outra banda, o Centro Multimedia de Galicia dispón de software de xestión documental que permite dixitalizar documentos a gran velocidade, que logo pode distribuír, almacenar grandes volumes de datos e indexar a información dixitalizada que logo pode recuperar a través de diferentes tipos de buscas. E neste cometido implica a outras entidades como son o Centro Bibliográfico Superior de Galicia, o Instituto Galego das Artes Escénicas e Aplicadas e o Arquivo do Reino de Galicia.