O martes de Entroido comeza coa mala noticia do falecemento de Xesús Mato, o 'Padre Mato', aos 91 anos de idade. O xornal El Progreso de Lugo daba a coñecer hoxe a noticia do pasamento deste relixioso cuxa intervención cultural tivo un forte impacto nos transcendentais anos 70. Musicólogo e escritor, o sacerdote foi o impulsor dunha das iniciativas máis lonxevas e importantes para a cultura musical tradicional e para a nosa lingua: a formación Fuxan os Ventos. Mato, como director do coro do Seminario Menor Santísimo Sacramento de Lugo, reuniu en 1972 unha formación que baixo o nome inicial de Folk 72 participaron e gañaron o certame musical do IIIº Festival das San Lucas en Mondoñedo. A canción coa que acadaron o premio foi "Fuxan os ventos", unha composición orixinal acorde á canción folk protesta que estaba verse en moitas partes do Estado naquel momento e cuxa letra tiña un importante cariz reivindicativo da cultura propia galega: "Queremos cantar, queremos berrar, coa forza da fe, que a nosa Galicia, aínda está de pe". O tema estaba asinado por J. Cabodevila, pseudónimo escollido polo Padre Mato, natural de Cabo de Vila (Paradela), a el débese o inicio e posta en marcha daquela formación que tomaría o nome da súa primeira canción e que recentemente celebrou o seu 50 aniversario. Xustamente, cando en 2022 algúns dos membros orixinais de Fuxan os Ventos acudiron a recoller o premio de honra dos galardóns Martín Códax da música galega o seu agradecemento principal foi para o Padre Mato, recoñecendo nel as orixes impulsoras do proxecto e da súa razón de ser naquel intre.
No catálogo da exposición levada a cabo por ese medio século da formación, o texto dos integrantes dedica un apartado importante aos agradecementos a Xesús Mato. Nel, os integrantes de Fuxan os Ventos glosan algúns dos méritos que ven na súa indispensable intervención. Entre eles está o agradecemento "Por axudarnos a ser conscientes e consecuentes cunha Galicia da que eramos parte e que se nos deturpaba e ocultaba sistematicamente. Plasmáchelo na música e na letra da canción que nos deu nome como grupo, cunha filosofía de vida e de paíS... a túa, que fixemos nosa inda que con moita menos fe ca ti: Fuxan os Ventos". De Mato tamén se lembra Aí e noutros sitios a súa implicación na recollida e mantemento dos tradicionais cantos de Nadal, el tamén foi o impulsor da iniciativa musical "Galicia canta ao neno" de recuperación de panxoliñas galegas. Fondos das súa recollidas están en arquivos do Museo do Pobo Galego. O Padre Xesús Mato foi recoñecido coa Medalla Castelao de Galicia en 2016. Fundou a Polifónica de Lalín e Radio Popular de Lalín. Creador e primeiro coordinador de Auxilia Lugo, unha asociación que traballa a prol da integración social e cultural das persoas con discapacidade. Foille recoñecido o seu traballo e servizo aos demais con premios como: Lucense do ano (1991), Premio Moncho Valcarce (1998) ou o Premio de Cultura Tradicional María Castaña. O seu soterramento terá lugar este mércores en Portomarín, segundo informa o xornal El Progreso.