A reivindicación do patrimonio das alvarizas colle pulo

Unha guía cataloga estas construcións na zona norte de Pontevedra

| Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:
Alvariza. By m.dolores paderne sa…, CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=54440156

Alvariza. By m.dolores paderne sa…, CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=54440156

O grupo de desenvolvemento rural Terras de Pontevedra Norte acaba de publicar, en papel e na rede, a guía Alvarizas Terra de Pontevedra Norte. Este traballo de investigación de Nicolás Varela dá conta de cincuenta destas construcións para protexer colmeas nos concellos de Lalín, Silleda, Forcarei, Dozón e Rodeiro.

O traballo de Varela destaca a existencia na zona de cercados deste tipo de grande tamaño, como o que se conserva na proximidade do mosteiro de Acibeiro e que podería ter orixe medieval. Ademais salienta a peculiaridade de que a maioría dos mesmos está situada na proximidade de cursos de auga a manter a orientación sur propia destas construcións.

O traballo de Varela continúa unha tendencia pola documentación e reivindicación deste patrimonio etnográfico que deu nos últimos anos na publicación de diferentes traballos a dar conta do seu peso en distintas comarcas. Con diferentes formas e caracterizadas polo uso da pedra seca, estes recintos contan con diferentes formas e tamaños, e na súa maior parte atópanse abandonados.

Deste xeito, tamén na zona do Deza, en novembro de 2023 o Seminario de Estudos do Deza publicaba Alvarizas da Terra do Deza e a Serra do Candán, asinado por Jesús Taboada Martínez. Tamén recentemente Damián Porto Rico e Francisco Azurmendi lanzaron no web Tabeirós Montes un volume co título Catálogo das Alvarizas da Terra de Deza e Serra do Candán, logo dunha polémica sobre a autoría do material. A obra documenta nada menos de 125 construcións deste tipo e dá conta da súa distribución neste territorio.

Na Costa da Morte, Carme Toba localizou máis de medio cento e recolleu ademais diferentes tradicións sobre a apicultura e os seus traballos e construcións na monografía A cultura do mel na Costa da Morte, publicado o pasado mes de novembro de 2023.

O Xeoparque Montañas do Courel desenvolveu o seu propio estudo sobre estes bens, e en 2020 contaba xa con máis de 230 localizadas. A Fundación Oso Pardo ten tamén na rede desde 2019 un estudo sobre este mesmo territorio a contar 192 exemplos na zona.

****Nova actualizada en abril de 2024****

Que che parece esta nova?
87 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Pontevedra, Guía, Forcarei, Lalín...