Unha exposición lembra ás mulleres rapadas castigadas pola ditadura de Franco

O Museo Provincial de Lugo acolle este proxecto que está aberto á recollida de materiais e testemuñas

O Museo Provincial de Lugo acolle este proxecto que está aberto á recollida de materiais e testemuñas
Este mediodía inaugurouse no Museo Provincial de Lugo a exposición temporal 'EU SON. Memoria das rapadas', obra das artistas de Art al Quadrat (Mónica e Gema Del Rey Jordà). A exposición ten o propósito de recuperar a memoria das mulleres rapadas durante o réxime franquista, vítimas de escarnios públicos polo feito de ter "transgredido" segundo os principios da ditadura, o papel da feminidade tradicional ou por ser familiares de persoas significadas politicamente a favor da II República. Por eses motivos foron degradadas e humilladas fronte a toda a poboación, sendo un dos castigos o de raparlles o cabelo, dábaselles de beber aceite de riciño e eran "paseadas" polas rúas céntricas do pobo ou da cidade, ademais das represións ocultas como as violacións ou o asasinato. O proxecto expositivo recolle parte dese traballo de investigación, que se plasmou tamén nun documental 'Sacar a la luz. Memoria de las rapadas (2021)', e imaxes da performances de reparación colectiva e dignificación da memoria que as artistas veñen desenvolvendo desde 2018. O proxecto propón abrir novos camiños para a homenaxe e a investigación. Para iso, na sala de exposicións estará a disposición do público un espazo destinado á recollida de achegas voluntarias, tanto de materiais relacionados como de testemuñas.

O Museo Provincial acolleu tamén en paralelo a inauguración da instalación audiovisual "Notas no latido do unánime e cego" (2022) de Carla Andrade, relacionada tamén coa memoria das mulleres. Esta instalación é resultado das investigacións levadas a cabo durante as residencias artísticas '[Dá] Terra Semente, [Dá] Semente Terra' no Museo Pazo de Tor, durante o mes de agosto de 2022. Presentado en forma de apuntamentos fílmicos, este proxecto proponse revisitar o pasado a través da biografía dos espazos do Pazo de Tor, cuestionando a maneira en que lembramos, co fin de evitar caer nun actitude nostálxica ou escapista, senón máis ben liberando un pasado enterrado e oculto baixo o veo da rutina. Mediante o uso simbólico dunha atmosfera gasosa combinada coas voces de mulleres da provincia de Lugo, algunhas delas relacionadas co Pazo de Tor, como Angelita, establécese unha reflexión que vai máis aló das diferenzas de privilexios entre clases sociais, evidentes neste lugar habitado durante séculos. Máis ben, mergúllase no cambio de paradigma actual: o inicio da transición dunha era material, ríxida e inamovible, cara a algo que promete ser moito máis voluble, cambiante e sen forma definida.