A Universidade de Vigo abre unha mostra sobre Antía Cal

A traxectoria vital e os méritos da pedagoga poderán coñecerse mellor cando se fan 100 anos seu nacemento

A traxectoria vital e os méritos da pedagoga poderán coñecerse mellor cando se fan 100 anos seu nacemento
Imaxe de Antía Cal que ilustra a exposición da Universidade de Vigo
"Antía Cal, unha mestra innovadora" é o título da exposición que se inaugura hoxe no edificio Redeiras na Praza do Berbés de Vigo e coa que a Universidade de Vigo quere render homenaxe a quen foi precursora da escola do século XXI, a pedagoga e profesora Antía Cal, falecida en Moaña en marzo de 2022, cando se fixeron cen anos do seu nacemento. Comisariada pola docente e investigadora das facultades de Belas Artes e Deseño Silvia García, a exposición quere contribuír ao recoñecemento do traballo e á memoria do percorrido vital e pedagóxico de quen trouxo a Galicia unha nova forma de ensinar. A inauguración será ás 19.00 horas e contará coa participación do reitor, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, e a propia comisaria. A mostra, organizada coa colaboración da Asociación Cultural Líncora-Alemparte e coproducida pola Dirección Xeral de Política Lingüística, poderá visitarse ata o 22 de marzo de luns a venres en horario de 09.00 a 21.00 horas.

A través de diferentes tipos de contidos, algúns fundamentais son vídeos de entrevistas, as persoas que visiten a mostra poderán coñecer a historia de Cal, "unha mestra que naceu na Habana, no seo dunha familia procedente de Muras, que se formou no centro Concepción Arenal e que regresou coa súa familia a Galicia, con nove anos cumpridos", tal e como se lembra no propio texto de presentación da exposición. Cal estudou a carreira de Filosofía e Letras en plena posguerra, despois de lograr o título de mestra e o de Comercio. Todo comezou en 1961, cando abriu un pequeno colexio a Escola Rosalía de Castro, na rúa Pizarro de Vigo; logo construiría un edificio específico na Gran Vía de Vigo e en 1974 o colexio mudaríase para un novo local na parroquia de Bembrive. Antía Cal tivo a audacia de crear unha escola na que as clases se impartían en castelán e inglés, pero na que a lingua galega estaba moi presente, nos nomes das aulas, nas referencias históricas ou mesmo nas cancións. "Era a lingua da familia de Antía, «Tita», e iso era unha novidade para moitas das familias acomodadas que levaban os seus fillos e fillas ao colexio". Era un ambiente educativo no que se poden rastrexar as influencias de Montessori, Pestalozzi ou Decroly e no que o contexto galego estaba moi presente.