As dunas que agachan unha aldea

Un novo estudo vincula a desaparición lendaria dunha lugar de Cangas do Morrazo a un episodio meteorolóxico extremo do século XVI

Un novo estudo vincula a desaparición lendaria dunha lugar de Cangas do Morrazo a un episodio meteorolóxico extremo do século XVI
O estremo occidental da praia de Barra (O Hío, Cangas do Morrazo). Foto: Booking.com
No ano 2020, Anxo Coya publicou no Faro de Vigo dúas extensas reportaxes nas que conectaba a vella tradición oral narrada polo seu avó coas súas procuras electrónicas en bases de datos e bibliografía. A historia contada polo seu avó, logo confirmada con outras persoas maiores da parroquia, indicaba que no actual areeiro no límite occidental da praia de Barra había unha aldea sepultada. Hoxe Barra é unha das praias máis idílicas das Rías Baixas, e un dos areos máis destacados para a práctica do nudismo, e ninguén se imaxina o drama vivido hai cincocentos anos baixo as dunas nas que se repousa do sol. Unha das veciñas do Hío, Josefa Portela, precisoulle algo máis: "Houbera unha aldea e despois veu unha galerna e afundiuna". Coya procurou en diferentes corpus documentais e na documentación de mosteiros como A Armenteira, Ermelo ou Poio, e atopou referencias á aldea desde o século XIII. Porén, a mediados do século XVI, na documentación os documentos dos monxes comezaba a cambiar, e xurdían os apremios para cobrar rendas que non se pagaban. A area comezaba a anegalo todo. A documentación trasládanos á vida dunha aldea con casas de tellado de colmo, rodeada de veigas, hortas, nunha paisaxe distinta á superficie dunar hoxe existente.

Unha nova investigación publicada no Cuaderno de Estudos Gallegos número 136, correspondente ao ano 2023 e editado polo Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos, conecta a desaparición mítica da aldea cun posible episodio climático extremo. No traballo Cambios en el paisaje como consecuencia de un episodio climático, en el contexto de la Pequeña Edad de Hielo (siglos XVI-XVII), en la feligresía de San Andrés de Hío (Cangas, Pontevedra), o historiador Andrés Pino estudou en diferentes arquivos a documentación sobre Barra, e que se estende entre os séculos XIII e XVIII, se ben para documentar o episodio climático centrouse no século e medio, desde mediados do XVI ata finais do XVII. De aquela, os propietarios das terras de Barra eran os mosteiros de Poio, A Armenteira e o arcebispado de Santiago. A clave da historia estaba nas negociacións entre os labregos aforados e os mosteiros para conseguiren rebaixas das rendas debido á catástrofe que se vivira no lugar. A noticia do acontecemento climático extremo atopouna especificamente nun documento de 1608, no que se di que "el lugar de Cadabón, el cual con avenidas y temporales de la mar se cubrió de arena y las casas de dicho lugar se ynchieron de arena y agua de suerte que las casas y eredades todas ellas hestan cubiertas de arena en tanta cantidad que no eran de ningún provecho nyabia adonde se aser casas". O documento informa de que nas casas xa non vive ninguén porque estaban sepultadas na area e só ficara cultivable algunhas herdades.

Para Pino, o episodio referido debeu suceder na "primeira metade do século XVI". De feito, o documento máis antigo que fai referencia a que as casas foran cubertas de area é do 18 de maio de 1532. A partir dese momento os documentos aluden con frecuencia ás dificultades que tiñan os labregos para pagar ante a dificultade que a area impuña para poder tirar proveito da terra. As dificultades para a vida no lugar levaron ao abandono da aldea primeiro, e posteriormente ás terras que alí se tentaban cultivar.

Pino pon en conexión o fenómeno coas profundas transformacións do clima en Europa durante a coñecida como 'pequena Idade do Xeo', un episodio de enfriamento do clima que nas primeiras décadas do XVI levou ao descenso da temperatura da auga do Atlántico ata 5º e un aumento do "gradiente de temperatura en Europa", o que conlevou "un aumento da velocidade das correntes mariñas, unha maior actividade ciclónica nesas latitudes con grandes tormentas, particularmente de vento". Estas novas dinámicas provocaron que numerosas zonas do litoral atlántico acumularan grandes cantidades de area, transformando a ribeira mariña ás veces con consecuencias drásticas como a desaparición do núcleo habitado. Para Andrés Pino, hai dúas hipóteses a considerar para o que sucedeu na aldea: "ou un único acontecemento moi extremo, ou unha tempestade excepcional seguida dunha sucesión de temporais máis propios da zona". Pino considera máis plausible esta última posibilidade, a xulgar tanto pola documentación como por outros estudos climáticos da zona, e considera que "non atopamos referencias a este tipo de episodio climático, a colmatación por area, no contexto da pequena idade do xeo en Galicia, do xeito no que está descrito para outras zonas atlánticas de Europa como Escocia, as Illas Hébridas ou Lituania".

O relato da señora Josefa Portela, que en 2020 cumprira 97 años, no que explicaba a desaparición da aldea tras unha galerna, revelábase como moi preciso. Iso si, case cincocentos anos despois dos feitos. Tempo despois, cando todas as terras da aldea ficaron cubertas pola area, os veciños do Hío comezaron a prantar viñas na area, sobre as antigas fincas nas que se prantaba cereal. A famosa tinta femia do Morrazo que tanto gustaba a Álvaro Cunqueiro e José María Castroviejo prosperaba por riba dunha aldea vencida polo cambio climático. Un lugar conxelado no século XVI, que aínda durme baixo as dunas de Barra, e que aínda non está catalogado como espazo arqueolóxico pola administración.