Intriga e espionaxe nas Xornadas de Novela Negra de Verín

A sexta edición do evento trae a Verín ao ex-axente Mikel Lejarza 'El lobo'

As Xornadas de Novela negra da Biblioteca de Verín comezan hoxe a súa VI edición coa proxección da película "El Lobo" (2004) que conta a historia do axente Mikel Lejarza infiltrado na cúpula da banda terrorista ETA. Como en anteriores edicións, as xornadas están coordinada polo xuíz Xosé Antón Vázquez Taín e nesta ocasión levan por título "FICHA 342", situando a súa temática na intriga e a espionaxe. O propio Lejarza será un dos convidados este ano nas xornadas como autor do libro no que conta a súa experiencia.

Ademais del, autores como Pedro Feijoo e María Solar participarán ata o día 27 no programa deste ano xunto con especialistas reais que normalmente aparecen no xénero literario da intriga e espionaxe, como o Inspector Xefe da Policia Nacional Iñaki Sanjuán, responsable da sección terrorismo internacional; o antropólogo forense Fernando Serrulla; o xornalista de investigación Fernando Rueda. Estudantes e cidadáns de Verín serán os encargados de presentar cada unha das intervencións.