Unha América que permanece nas rúas

O CCG estuda definir a arquitectura indiana para mellorar a súa protección

| Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:
Presentación do informe. Foto: CCG

Presentación do informe. Foto: CCG

A arquitectura indiana é o resultado tanxible do profundo impacto social, económico e cultural do retorno dos emigrantes que marcharon a América entre 1850 e 1950. Desa arquitectura a cabalo entre as dúas beiras do Atlántico, con melloras substanciais na hixiene e no confort das vivendas, ficaron numerosos exemplos distribuídos por toda Galicia e que outorgan identidade, ademais, a comarcas como a Mariña, o Valmiñor ou As Mariñas. O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o informe "a Arquitectura Indiana en Galicia: Propostas para a súa definición e protección patrimonial". O documento, elaborado ao abeiro dun convenio de colaboración entre o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Letrados da Xunta de Galicia, explica o proceso social da emigración galega e o retorno dos emigrantes, detense na arquitectura indiana e na súa paisaxe así como no marco xurídico de protección deste tipo de bens. Malia tratarse dun concepto que tende a "ser moi líquido", tal e como se indica no propio estudo, proponse limitar a definición de arquitectura indiana galega a "aquela promovida por migrantes retornados das Américas, cun estilo orgánico que xorde da hibridación entre a arquitectura de orixe (Galicia) e a de destino (América), e que se fai en territorio galego". A partir desa definición, o informe estabelece unhas características comúns identificadas naqueles inmóbeis que son representativos da arquitectura indiana en Galicia e que, inclúen, por exemplo, principios como a hibridación da pedra con azulexos, mosaicos ou pintura; a incorporación de elementos de saneamento e hixiene, ou o emprego dunha vexetación propia do lugar ao que se emigrara.O informe tamén propón acoutar o periodo de construción destes inmobles entre 1850 e 1950.

Que che parece esta nova?
49 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Arquitectura, América, Consello da Cultura Galega, Paisaxe...