O Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea sobe a valoración da Cidade da Cultura

O complexo aparece como o máis relevante de Galicia nesta panorámica estatal

O complexo aparece como o máis relevante de Galicia nesta panorámica estatal
Arco da Vella na Cidade da Cultura. Fonte: Web da Cidade da Cultura
Co posto número 63 nunha listaxe de 102 institucións e acontecementos culturais de todo o Estado, a Cidade da Cultura Galega aparece como o máis relevante do ámbito cultural no noso país durante 2023. O Observatorio da Cultura que publica anualmente a Fundación Contemporánea a partir da opinión e paneis de profesionais do sector outórgalle ademais ao complexo do Gaiás a insignia cultural como o máis destacado da Comunidade Autónoma.

A Cidade da Cultura consegue por vez primeira esta mención, empatada con entidades como a Biblioteca Nacional ou o Museo Carmen Thyssen de Málaga, cunha valoración do 3,7%. O Centro Galego de Arte Contemporánea, que ascende ao posto 84 desde o 97, e a Fundación Marta Ortega, que se sitúa no 102, son as outras entidades galegas presente na clasificación estatal.

Por comunidades, a nosa mantén o sexto posto que acadara en 2022 na listaxe da mellor oferta cultural, aínda que a valoración que recibe baixa do 17 ao 13,3%. A Coruña, que tamén perde peso, pasa do 14,6 ao 13,1% e cede un posto na táboa das cidades mellor valoradas pola súa oferta cultural, a ficar no 11. Tamén mingua un punto Santiago de Compostela, aínda que o 10,6% que obtén permítelle ascender un posto ata a posición 14. Vigo pola súa banda mantense no 26, cun 4,2% fronte ao 4,8 de 2022. Desaparece da táboa Pontevedra, que conseguira entrar no pasado ano no posto 37.

Por institucións e eventos galegos, o ascenso da Cidade da Cultura arrebátalle o primeiro posto entre as mellores iniciativas do país ao FIOT de Carballo, que descende á quinta posición. Mantéñense como segunda e terceira propostas máis valorada o Festival Sinsal e o Centro Galego de Arte Contemporánea. O Teatro Rosalía de Castro, da Coruña, protagoniza pola súa banda unha excepcional ascensión e empata na terceira posición co CGAC. O festival Cineuropa perde dúas prazas e fica quinto, empatado co FIOT e mais coa entrada do Museo de Belas Artes da Coruña.

O Festival de Cans e WOS protagonizan senllas baixadas do posto 3 ao 8, onde se atopan coa (S8) Mostra de Cinema Periférico, que se mantén, con O Son Camiño, que entra nesta altura, e mais co Centro Dramático Galego e a Real Filharmonía de Galicia, que ascenden tres posicións. Para rematar, como número 15 atópanse a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e a Orquestra Sinfónica de Galicia, que perden catro postos, e mais o NUMAX de Santiago e o filme O Corno, que debutan na selección.

O noso país non consigue mencións nas listaxe de "imprescindibles" da cultura nin nas propostas de cultura dixital. No mellor da cultura en contorna rural de todo o Estado, o informe destaca o proxecto A Casa Vella de Amiadoso, Allariz, que é a única novidade nesta táboa na que recuncan o programa Cultura no Camiño, o Festival Agrocuir da Ulloa, o Festival Bal y Gay, o de Cans e o Festival dos Eidos. O Festival de la Luz, pola súa banda, aparece como única representación galega nos "Proxectos exemplares no seu compromiso social e co desenvolvemento sustentable" a fechar a listaxe no posto 25.