A Universidade de Vigo publica o Dicionario do Galego no Bierzo

Sara Rodríguez recolle 15.000 entradas nesta obra

Un volume que "xorde da necesidade de recoller e de recompilar nunha mesma obra o léxico que tantas persoas empregaron, e empregan sen moitas veces ser conscientes, ao longo da súa vida". Así se presenta o Dicionario do Galego no Bierzo, obra que realizou Sara Rodríguez Fernández e que está a chegar ás librarías da man da Universidade de Vigo.

O volume, de 265 páxinas, recolle un total de 15.000 entradas de léxico empregado nesta comarca. A autora elaborou esta obra a partir dun traballo de fin de grado en Tradución e Interpretación no que compilara 3.000 palabras desta variante da nosa lingua.

Para alén de bibliografía, Rodríguez realizou tamén traballo de campo, a recoller termos e expresións vivos dos propios falantes. Canda a formas claramente galegas, a obra inclúe tamén castelanismos propios desta área e palabras influenciadas polo leonés. A intención da autora é que este léxico "non se perda e de que perdure para sempre, tanto nas mentes coma nos corazóns".