Un estudo publicado pola arqueóloga Laura Casal, do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, documentou o uso da pesca fluvial no río Miño e nos seus afluentes entre entre a Idade do Ferro e a época romana. Casal sistematizou os achados atopados en castros e asentamentos romanos das proximidades do río para localizar un conxunto de instrumentos vinculados á pesca fluvial. "A pesca de río na Antigüídade ten sido moi ignorada, especialmente en relación aos esforzos de investigación realizados nas últimas dúas décadas sobre a pesca marítima", explica Casal. Para conseguir determinar o tipo de pesca que se practicaba, Casal non tivo que ir moi lonxe: consultou os libros de etnografía galega que consignaban as prácticas tradicionais de pesca no río na sociedade tradicional e antes da construción dos encoros. "O feito de que a maioría dos instrumentos de pesca só experimentaron mínimos cambios morfolóxicos ao longo de diferentes etapas históricas, fai máis doado identificar o tipo de artefactos, como anzós metálicos ou certo tipo de pesos". Así que Casal estudou boa parte dos obxectos atopados nos castros e vilas romanas, como anzós ou pesas de chumbo ou pedra, en función das prácticas documentadas por Xaquín Lorenzo e outros etnógrafos a principios do século XX. Máis ambiguos resultados un gran número de pesos localizados preto do esteiro do río, especialmente de dous furados, e que poden ser interpretados tamén como pesos de tear. "O río Miño ofrece unha relativamente ampla e variadas colección de instrumentos de pesca prehistóricos e romanos", explica Casal. O traballo "Ancient river fishing utensils in the northwest of the Iberian Peninsula: the Miño river basin between the 4th century BC and the 4th century AD" foi publicado no último número da revista de antropoloxía e arqueoloxía Munibe número 74.

Distribución de achados vinculados á pesca fluvial no río Miño. Fonte: Laura Casal/Munibe

Distribución de achados vinculados á pesca fluvial no río Miño. Fonte: Laura Casal/Munibe