A Deputación de Lugo asinou onte un convenio co concello de Cervantes para achegar 900.000 euros ao ente municipal para a adquisición do castelo de Doiras, un dos monumentos emblemáticos da comarca dos Ancares. O castelo é propiedade da Fundación Xosé Soto de Fión, que mantén tamén o Ecomuseo e o castro de Arxeriz, e que llo adquirira á familia MartÃnez Baladrón. Será o concello de Cervantes quen xestione e sexa titular do inmoble, para o cal realizará unha achega de 60.000 euros. A Deputación entregará a importante cantidade en catro anualidades. O Presidente da Deputación, José Tomé, adiantou que a intención do concello é "abrir ao público" o castelo e complementalo "como un reclamo máis da comarca, xunto as Pallozas de Piornedo, o xacemento da Idade do Ferro do Castro e os valores naturais da alta montaña da serra dos Ancares". O castelo é BIC desde o ano 1994. As súas orixes, un tanto confusas, remiten á Baixa Idade Media, cando foi detentado pola familia Osorio. Segundo a Deputación de Lugo, a fortaleza foi erguida por Diego Pérez Osorio e Guzmán. O castelo é o centro dunha coñecida lenda ancaresa, 'a doncela cerva', que alude a unha filla do señor do castelo que foi encantada e convertida nunha cerva branca.