Amigos da Ópera de Santiago rescata unha zarzuela de Otero Pedrayo

Miñatos de Vran, musicada polo mestre Vide, estréase o 19 de xaneiro en Vilagarcía

2/1/2024 | Santiago. Redacción | Seccións: músicateatro
36 lecturas | Compartido 0 veces

Escena de A lenda de Montelongo, anterior zarzuela montada por Amigos de Ópera

Unha zarzuela escrita por Ramón Otero Pedrayo abrirá o vindeiro 19 de xaneiro a actividade e Amigos da Ópera de Santiago para 2024. Nesa data Vilagarcía acollerá a posta en escena de Miñatos de Vran, unha obra que conta con música do mestre Juan Fernández Vide e que só se puidera vez en dúas ocasións, na estrea da Habana en 1928 e nunha representación en Ourense en 1959.
A peza, creada con finalidade pedagóxica para distintas agrupacións artísticas galegas en Cuba, recolle motivos populares do folclore galego e retrata a historia de amor entre o mariñeiro Manuel e mais Maripepa, á que tamén pretende o señorito Eduardo. Ambientada nunha vila mariñeira galega e mais nunha taberna en Santiago, retrata a situación social, económica e cultural da Galicia do seu momento.

A montaxe, que tamén se poderá ver no compostelán Auditorio de Galicia o día 21, pon nas táboas a Banda de Música Municipal de Santiago, baixo a dirección de David Fiuza e mais o Coro Asociación Liceo de Vilagarcía dirixido por Josefa Dorado Soto, canda á formación Antiguos Tunos de Santiago. As voces solistas serán a soprano Patricia Rodríguez Rico, o barítono Gabriel Alonso e o tenor Diego Neira, con dirección escénica a cargo de José Álvarez.

Segundo explica Amigos da Ópera, "a parte musical en Miñatos de Vrán contén preludios, coros, romanzas, dúos, coplas, interpretadas polos solistas principais, o coro e a tuna". O texto da zarzuela foi publicado en 2023 pola editorial Galaxia.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego

Escenarios
3 lugares identificados
Claves temáticas
Protagonistas
Conceptos