Un lavado de séculos para Bóveda

A investigación descarta a cronoloxía romana da fase principal do famoso monumento de Santalla de Bóveda (Lugo)

A investigación descarta a cronoloxía romana da fase principal do famoso monumento de Santalla de Bóveda (Lugo)
Santalla de Bóveda. Foto: Amaianos/Wikipedia.
O monumento de Santalla de Bóveda é un dos símbolos históricos do patrimonio de Galicia. As súas enigmáticas arquitectura e decoración teñen animado multitude de hipóteses ao redor da súa cronoloxía e significado, tentando descifrar a simboloxía do edificio e interpretándoo como un espazo ritual vinculado a algún deus pagán, ás veces considerado oriental, na influencia da veciña cidade de Lucus Augusti. Pero un novo estudo liderado por Rebeca Blanco-Rotea desmonta boa parte das cronoloxías e interpretacións anteriores: aínda que o edificio ten orixes tardorromanas, o groso da transformación e decoración actual do edificio corresponde ao século VII d.C., durante os reinos xermánicos, seguido dunha fase de construción do primeiro piso no século X e as últimas reformas no século XVIII. "Os resultados obrigan a revisar a historia da arquitectura galega entre a Antigüidade tardía e a Alta Idade Media", sinala Blanco Rotea.

Durante moito tempo foi considerado un antigo templo pagán conservado case inalterado nas proximidades de Lugo, e o debate, sobre o que correron ríos de tinta, centrábase na interpretación da simboloxía dos conxuntos de relevos e das pinturas como parte do culto de algún deus pagán de época romana. Pero unha análise publicada a semana pasada na prestixiosa revista Archaeological and Anthropological Sciences por un equipo liderado pola investigadora da Universidade do Minho Rebeca Blanco Rotea transforma de pleno a visión sobre ese monumento. A través da combinación de novidosas técnicas de datación absoluta, os investigadores foron quen de identificar con precisión as diferentes fases de construción dun dos monumentos máis emblemáticos de Galicia. Para conseguilo, combináronse tres técnicas de datación dos diferentes materiais construtivos, coma os tixolos ou os morteiros, xunto cos métodos propios da arqueoloxía da arquitectura para comprender as construcións. Trátase do radiocarbono, a luminiscencia opticamente estimulada (OSL) e a termoluminiscencia, a partir de 21 mostras. Os resultados obtidos con algunha das técnicas contrastábanse coas outras para comprobar a coherencia dos resultados e son "conclusivos".


As tres fases principais de Santalla de Bóveda, a tardoantiga, a de época xermánica e a altomedieval. Fonte: Blanco Rotea et al.

No corazón do tempo xermánico
Os novos datos sacoden a visión tradicional de Santalla de Bóveda como un templo pagán conectado ao Lugo romano e vinculado a cultos orientalistas. O edificio ten tres fases principais: a primeira nace cun espazo construído no segundo tercio do século IV, en plena fase tardoantiga. De aquela constrúese o edificio principal, coa aula, unha ábsida e a piscina. Na segunda fase, da primeira metade do século VII, elaborouse todo un programa decorativo para o espazo. A piscina reduciuse, a aula foi dividida en tres naves con columnas, engadíronse placas decorativas e pintáronse os frescos. Na terceira fase, construíuse unha nova planta por riba da aula orixinal. Aínda que foron utilizados materiais romanos previos, os morteiros indican que se ergueu entre os séculos X e XII.

Para Blanco Rotea, as diferentes fases do edificio están conectadas con dinámicas máis amplas no intervalo entre a Gallaecia que se vai facendo Galicia. Deste xeito, a fase romana indicaría que o monumento de Santalla de Bóveda "é probablemente parte dun tipo de asentamento rural romano que cando menos tería unha fase na segunda metade do século IV", en coherencia co que está sucedendo en toda a provincia, e no Imperio occidental, no que o proceso de ruralización e construción de vilas se volve moi acusado. Os investigadores sinalaron a privilexiada posición de Bóveda na intersección entre as vías romanas XIX e XX. A segunda fase, estariamos no "momento de transformación que ten lugar entre o final do periodo suevo e o inicio do visigodo a inicios do século VI, que parece ser moito máis complexo do que se pensaba", e o terceiro, xa no século X, encaixa co "gran impacto da proliferación da construción de igrexas no rural no século X". A última fase, a do século XVIII, ben coñecida tradicionalmente, ten que ver coa proliferación do Barroco en Galicia nese século.


De esquerda a dereita e de arriba abaixo, exemplos de motivos empregados na pintura prrerománica asturiana e a súa relación con Santalla de Bóveda. San Juliásn de los Prados (Oviedo, s. VIII-IX), San Miguel de Liño (Oviedo, s. X) e San Salvador de Priesca (Villaviciosa, s. X). Esquina inferior dereita, Santalla de Bóveda (Lugo, s. VII).

Orixes e destinos
Un aspecto de gran interese son as conexións do programa decorativo de Santalla de Bóveda e do uso das técnicas do fresco. "Os datos de que foron realizados no século VII reforzan a hipótese inicial da supervivencia de técnicas estruturais romanas, tanto pola súa ampla circulación sobre un territorio amplo como pola súa durabilidade e eficiencia", sinala Blanco Rotea. Aínda que non foi localizado "un paralelo exacto" de Santalla de Bóveda, o equipo investigador pon en contacto este programa decorativo tanto con monumentos romanos anteriores como, nos motivos plasmados en mosaicos, contemporáneos en Europa. "Con todo, os paralelos máis próximos son co prerrománico asturiano", indican os investigadores, en referencia á arte altomedieval dese territorio, construída con bastante posterioridade á construción de Bóveda, a partir de finais do século VIII e sobre todo a partir do IX. Os paralelos entre a decoración de monumentos como San Julián de Los Prados ou San Miguel de Liño (Oviedo) e Santalla de Bóveda son moi rechamantes.

Os datos, que xa foran avanzados por Rebeca Blanco nunha conferencia no Museo Provincial de Lugo en setembro de 2021, supoñen "facer posible reinterpretar a transición entre a Antigüidade tardía e a alta Idade Media". Ábrese unha nova época para un monumento que, agora con algunhas certezas pero sobre todo con novas preguntas, seguirá intrigando aos investigadores.