
O material que se achega permite consultar os datos por parroquia, a incluír unha pequena introdución de cada ficha, a transcrición completa da mesma e a reprodución das fotografías e debuxos de maior calidade presentes nestes apuntamentos. Na súa maioría, as anotacións atenden á arte das distintas igrexas da comarca, acompañadas de "referencias de carácter etnográfico, lingüístico, arqueolóxico ou histórico".
Con esta publicación, o Museo quere "dar a coñecer os materiais que poderían servir de base para elaborar o estudo artístico definitivo dos pazos e, sobre todo, das igrexas no proxecto global de Terra de Deza" que o SEG non chegou a publicar.
Segundo lembra a institución "estas recensións poden achegar información sobre pezas desaparecidas ou cambiadas de emprazamento e sobre ditos ou tradicións xa fóra de uso", con casos como "o tímpano de Palmou ou os capiteis de Bermés, os costumes en vodas, enterros ou festas, os ditos e o vocabulario, e incluso as impresións sobre a paisaxe".
O proxecto desenvolveuse a partir dos fondos do arquivo de Xosé Filgueira Valverde que custodia o centro pontevedrés. Estes materiais "son, na súa maioría, anotacións de arte das distintas igrexas, aínda que acompañadas de referencias de carácter etnográfico, lingüístico, arqueolóxico ou histórico". Este legado complétase con material do arquivo persoal de Sebastián González García-Paz, que lle enviaba a Filgueira copia dos seus apuntamentos.