Polígonos de hai dous mil anos

A nova campaña no castro de O Sarridal revela unha área industrial ás portas da croa

A nova campaña no castro de O Sarridal revela unha área industrial ás portas da croa
A forxa localizada.
Cando novo o arqueólogo Emilio Ramil lía nos cómics de Asterix e Obelix as protestas dos veciños da aldea gala polo ruído incesante que provocaba o ferreiro na súa forxa. Ramil lembrou isto mesmo estes días, ao escavar unha forxa completa no castro de O Sarridal (Cedeira). Desde o edificio podía observar, da outra banda do foxo que precede á impoñente muralla e torreón que protexe o recinto habitacional do castro. Con certeza, os sons do traballo do ferreiro habían pasar atenuados para dentro das murallas.

Neste 2023 o castro de O Sarridal viviu dúas campañas. Na primeira, en abril, financiada polo concello de Cedeira, consolidaron o paramento da muralla, no tramo que discorre ata o pronunciado cantil do norte. Na segunda campaña, a de outubro e novembro, financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura, Ramil centrouse nunha terraza entre murallas na que xa intervira en campañas anteriores con algunhas sondaxes valorativas. De aquela, o equipo atopara restos de estruturas, algunhas crebadas polo cantil, foxas cavadas na pedra e moita escoura de ferro. A campaña deste ano deu un sentido claro a todo isto. Apareceu unha complexa estrutura con moita máis escoura de ferro e enormes signos de cinza e combustión. Nun estremo pode apreciarse a antiga forxa do ferreiro, e mesmo un pavimento de opus signinum. Xunto con numerosos fragmentos de tégula romana, lévanlle a Ramil a pensar que o edificio pertence á fase galaicorromana do castro. "Pero as tres foxas cavadas na rocha poden ser anteriores, de época castrexa, e empregadas como enfriadoiros no proceso metalúrxico". Para Ramil, a terraza parece estar a desempeñar unha función industrial, separada do espazo residencial, que sería no interior do castro, e que se remonta ás fases da Idade do Ferro do xacemento. Aínda así, atópase dentro da fortificación. Máis ao leste aínda se documenta outra muralla e un gran foxo que pecha todo o espazo ata o castelo da Concepción.

Un aspecto rechamante do edificio é unha gran lousa depositada nun estremo. "Pensamos que é un lintel, porque hai un vano enorme de tres metros para entrar a ese recinto. Pensamos que pode ser para que entren carros con material", explica, "teño localizado noutra escavación da autovía, ao pé do castro, un espazo de procesamento de cereal, no que aparecían moitos muíños, que tiña outra destas entradas enormes para que entre un carro". A forxa tería, polo tanto, unha entrada de gran tamaño, cun sentido industrial do espazo. O que chama a atención é que o edificio da forxa viviu reformas continuas, entre elas unha que pechou ese acceso. Pero no interior do edificio Ramil tamén atopou algo curioso. "É un tipo de pedra distinta á que se usa aquí no castro para as estruturas construtivas", explica, "quizais estábana empregando para reter máis calor na forxa". O xeólogo Fran Canosa, experto na xeoloxía das terras de Ortegal, valorará os materiais para determinar unha posible orixe.

A campaña 2024
Ramil xa ten posta a ollada na campaña do ano que vén, que será das máis complexas acometidas ata o momento. Supón transformar o xeito no que hoxe acceden á punta do Sarridal os numerosos paseantes e visitantes e descubrir na súa totalidade a porta de acceso do xacemento. Pero alí sucédense todo tipo de aspectos de interese. "Cremos que o acceso ao castro era a través dunha ponte que vencía o foxo", explica Ramil. Na visita ao xacemento pódese ver como a pedra viva foi picada para construír o foxo nos laterais. "O foxo foi colmatado pola erosión e un recheo moderno que se fixo para habilitar o camiño", indica, "pero segue a estar aí". O que resulta curioso é que, desde o lateral, pódese apreciar unha complexa estrutura na que destaca un enorme torreón. "Penso que debe ser de época tardoantiga, porque é posterior á muralla e mesmo tamén ao propio foxo", explica Ramil. Tamén no interior da croa aparece un gran edificio de periodo tardoantigo, o cal confirma a vitalidade do poboado aínda nun periodo cronoloxicamente tan avanzado.

O problema vén despois, porque debaixo do enlousado actual da porta do castro, ao carón do torreón, apréciase unha estrutura con grandes muros e mesmo un vano. "Penso que pode ser unha estrutura construída xa cando o foxo perdera a súa función, como ten pasado por exemplo coa sauna do castro de Punta dos Prados, en Espasante (Ortigueira)", afirma Emilio Ramil. Aínda así, a altura da superposición de estruturas e o seu volume monumental son moi pouco frecuentes para os castros galegos. O proxecto do ano que vén preverá retirar o camiño tal e como está na actualidade para desvelar esa complexidade de restos e, se cadra, restaurar o paso por unha ponte de novo sobre o foxo, tal e como debeu ser na época do castro.