Unha emigración na memoria das pequenas cousas

A exposición As xeracións do Montserrat pódese visitar ata o 14 de xaneiro

A exposición <i>As xeracións do Montserrat</i> pódese visitar ata o 14 de xaneiro
Foto: Pepe Barro
Entre 1960 e 1974 douscentos mil galegos emigraron ao Reino Unido, desempeñando alá todo tipo de tarefas. Unha escolma das súas experiencias de vida e memorias pode coñecerse en As xeracións do Montserrat, a nova exposición que onte inaugurou o Consello da Cultura Galega no Kiosko Alfonso da Coruña e que se pode visitar ata o 14 de xaneiro. Na planta baixa pódense descubrir as testemuñas de dezanove persoas, procedentes da Coruña, Betanzos, Ferrol e a Mariña lucense na súa maior parte, xunto con obxectos persoais vinculados emocionalmente á súa experiencia migratoria no Reino Unido. Na planta alta, os visitantes poden percorrer unha escolma de imaxes dos dous fotógrafos que mellor retrataron o fenómeno migratorio: Alberto Martí (1922-2017) e Manuel Ferrol (1923-2003). O relato expositivo está artellado ao redor dos testemuños de emigrantes e de traballadores galegos da Compañía Trasatlántica Española, así como os dous buques que funcionaban despois na memoria "case como animais mitolóxicos", en palabras do comisario da exposición, o xornalista Xesús Fraga. De feito, a mostra conta con numeroso material destes buques, como menús, postais ou vaixela, cedido para que a memoria do transporte esta tamén presente. Ao tempo, na sección das experiencias vitais, a mostra inclúe obxectos como "o boneco que Lourdes e Manolo trouxeron ao seu fillo Esteban; a primeira libra que gañou Pilar, ou a vaixela de Royal Gale que Mary mercou peza a peza semanalmente para o seu enxoval". Para Xesús Fraga, o impacto desta emigración ao Reino Unido "culturalmente foi moi importante porque traían modas, obxectos, discos dos Beatles..., cousas que non eran tan doadas de atopar, así como matrimonios mixtos con migrantes de diferentes profesións". Neste fluxo migratorio as mulleres van por primeira vez, de xeito xeralizado, como "independentes, sen ningún tipo de tutela". Fraga chegou a esta historia a partir da súa biografía persoal, como familiar dunha avoa emigrada a Londres, e conectando uns cos outros. O deseño expositivo da mostra está a cargo de Barro Design.


Imaxes da mostra:


Xesús Fraga, comisario da exposición, e Pepe Barro, responsable do deseño expositivo. Foto: Pepe Barro


A montaxe. Foto: Pepe Barro


As maletas que cargaba o Montserrat. Foto: Pepe Barro


Detalle dun dos expositores e maletas. Foto: Pepe Barro / CCG


Vista xeral. Foto: Pepe Barro