O Galiverso permite pasear polo Portomarín previo ao encoro

A instalación virtual do Gaiás reconstrúe a vila tal como era antes do asolagamento en 1963

A instalación virtual do Gaiás reconstrúe a vila tal como era antes do asolagamento en 1963
Foto: Xunta de Galicia
As instalacións no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia da experiencia de realidade virtual Galiverso suma desde hoxe unha nova oferta coa posibilidade de acceder a unha reconstrución da vila lucense de Portomarín tal como era antes de ser anegada pola construción do encoro de Belesar en 1963.'O vello Portomarín' é o nome desta experiencia virtual que recrea este pobo a partir das gravacións da época conservadas na Filmoteca de Galicia, planos e cartografías antigas, e as máis de 40.000 fotografías que atesoura José López, de Foto Pereira Portomarín. Desde o momento no que se coñeceu a noticia da construción da presa, este veciño e fotógrafo decidiu inmortalizar casa por casa a vella vila, para ter o recordo de cada unha delas, esta documentación foi a base coa que un equipo multidisciplinar de expertos galegos en patrimonio, arte dixital, historia e programación foi quen de recuperar a memoria do vello Portomarín para que calquera persoa poida coñecelo a través das lentes de realidade virtual. 'O vello Portomarían' está xa dispoñible no Museo Centro Gaiás dentro da experiencia Galiverso.

A visita é gratuíta con reserva de praza a través de Ataquilla e no Museo Centro Gaiás. Máis de 250 casas cos seus tellados característicos de lousa, as cepas e a vexetación circundante, o río, e edificios emblemáticos como o Hospital de Peregrinos e a igrexa de San Nicolás, trasladada pedra a pedra a unha nova localización antes do asolagamento, foron recreados ao detalle coas ferramentas dixitais. Os profesores de historia da arte da USC e membros do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), Jesús Ángel Sánchez García e Julio Vázquez Castro; os especialistas do Centro Infográfico Avanzado de Galicia, Carlos Paz de Lorenzo e Anxo Miján Maroño, e Carlos Seijo, director do estudo dixital Maxina forman parte do persoal implicado nesta nova andaina do Galiverso. Ata hoxe, preto de 10.400 persoas visitaron no Museo Centro Gaiás as dúas experiencias ofrecidas previamente dentro do Galiverso. A primeira delas recreaba 12 escenarios que achegaban monumentos, paisaxes e sitios de gran valor cultural, histórico e turístico das catro provincias galegas, como a cripta do Apóstolo na Catedral de Santiago, o canón do Sil, a Torre de Hércules na Coruña ou o templo romano de Santalla de Bóveda en Mera (Lugo). Na segunda, titulada Galiverso somerxido, proponse unha viaxe virtual en batiscafo polos fondos mariños da costa galega, descubrindo as especies de animais e plantas que os habitan e tamén os tesouros arqueolóxicos que agochan.