Tumbas na porta da casa

A terceira campaña do Preguntoiro constata unha ocupación doméstica do século X previa á capela

A terceira campaña do Preguntoiro constata unha ocupación doméstica do século X previa á capela
Nova escavación no Preguntorio. Foto: equipo da intervención
Durante a anterior campaña arqueolóxica que exhumou os restos da capela de San Xoán Degolado, no lugar do Preguntoiro, moi preto do mosteiro de Pombeiro (Pantón), a directora da intervención, Sonia García, preguntábanse polos muros que parecían partir das ruínas da capela cara o norte. A nova campaña nesta pequena capela abandonada no século XIII conseguiu confirmar as hipóteses que sospeitaban os arqueólogos. A intervención estivo financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio da consellería de Cultura da Xunta de Galicia.


A capela de San Xoán Degolado albergaba numerosas incógnitas. Fora construída ao redor do século XII no espazo no que existían dous sartegos en pedra anteriores, de época altomedieval, e a súa cabeceira incluía unha antiga inscrición, tamén do século X, na que se mencionaba a un misterioso Asterigo que se identifica como un dos primeiros abades do mosteiro de Pombeiro. O equipo arqueolóxico consideraba que as orixes da capela podía ser algún tipo de "lugar de memoria" vinculado aos primeiros momentos do cenobio. Ao tempo, estas transformacións do espazo e da paisaxe podían ser un bo paradigma da propia transformación da paisaxe da Ribeira Sacra ao longo dos séculos.

"Fundamentalmente queriamos ver se había estruturas anexas á ermida do século XIII, ou mesmo algunhas anteriores", explica Xurxo Ayán, un dos arqueólogos do equipo de escavación. Na anterior campaña, localizaran fragmentos de cerámica que apuntaban a que vinculada á ermida había algún tipo de hábitat. "Sorprendeunos a potencia estatigráfica que nos atopamos", explica Ayán, "con muros moi interesantes. Hai un ciclópeo, monumental, que é o máis antigo. Contra ese muro vén outro que se mete por debaixo da capela".

Máis que estruturas coetáneas da propia capela, os arqueólogos pensan que se atoparon co uso anterior dese espazo. "Aparece moita cerámica, e claramente niveis de ocupación con buracos de poste, niveis de queimado e mesmo na parte de abaixo unha zona que aturou altas temperaturas, rubefactada. Pero todo o que nos atopamos remite á época altomedieval, anterior á propia capela. A cerámica pode corresponder a materiais típicos do século IX ou X. É a típica cerámica gris altomedieval". Isto supón a confirmación da existencia dunha ocupación doméstica do espazo do Preguntoiro con anterioridade á capela. "Non puidemos determinar se é un santuario previo, algún tipo de eremitorio ou outro tipo de hábitat", afirma Ayán. "O feito de que haxa unha necrópole ao carón encaixa con xacementos do centro peninsular".

Precisamente na necrópole, os investigadores centráronse nunha interesante pía que estaba ao carón dos sartegos. As escavacións permitiron localizar unha especie de pequena cista nas proximidades e avanzar con que esa propia pía parece pertencer á propia escenografía na que aparecen os sartegos. "Eu penso que é algo cultual", avanza Ayán, "ou se cadra algunha pía bautismal".

"O Preguntoiro permítenos ver que o proceso de cristianización desta paisaxe foi longo e pasou por fases, e que a busca de eremitorios e espazos primixenios de época altomedieval non era tan tola", conclúe Xurxo. Tras aquela primeira etapa sucedida hai mil anos, na que a escarpada aba do monte se ocupa e se comeza a transformar nunha paisaxe agraria e tamén cristiá, non sucedeu un abandono. Sobre as antigas ruínas ergueuse unha capela nos séculos centrais da Idade Media que non chegou ao século XV máis que nunha escasa memoria. "E non deixa de ser curioso como desaparece todo isto. Os monxes favoreceron a intensa construción de socalcos para viñas na Idade Media. E despois, no Antigo Réxime, todo isto foi comesto e envolto polo cultivo da propia vide que eles fomentaron".