O Consello da Cultura recupera unha partitura inédita de Antonio Iglesias Vilarelle

A edición de Keltia. Preludio sinfónico deuse a coñecer no Museo de Pontevedra

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acollía na tarde deste 17 de novembro a presentación de Keltia. Preludio sinfónico. O Consello da Cultura Galega recuperou esta peza inédita que o compositor Jose Antonio Iglesias Vilarelle, falecido en 1971, creara en 1939. A composición, que estreou a Orquestra Municipal de Bilbao en 1946, está dispoñible para descarga no web do Consello da Cultura.

Para este traballo de recuperación, coordinado desde o Arquivo Sonoro de Galicia, o investigador Jose Antonio Cantal Mariño cotexou unha das copias da partitura que se custodiaba no Museo de Pontevedra con outra conservada en Bilbao.

Segundo sinalou Cantal na presentación, a obra "é unha homenaxe a Galicia, á súa tradición, á súa identidade e á súa orixe", e lembrou que "unha das teimas de Antonio Iglesias Vilarelle era a de levar a música popular a unha expresión máis artística e Keltia é un bo exemplo desa intención súa". Ao seu ver "con esta edición contribuímos a revitalizar a figura dunha persoa que non se dedicaba a composición, polo que non se pode comparar con outros compositores do momento, pero poucos fixeron este traballo de revitalizar e levar a un teatro ou a un auditorio melodías populares que saen do pobo ou reducidas a un contexto popular".

Vilarelle, que ingresou na Real Academia Galega en 1951, foi un destacado impulsor da música en Pontevedra, a coupar papeis de relevancia na Sociedade Filharmónica, na Sociedade Coral Polifónica ou no Conservatorio de Música, todos de Pontevedra; foi intérprete. Como compositor a súa obra conta con títulos de grande popularidade como Chucurruchú, Cantiga en sol menor, Nosa Señora da Barca, Os anxeliños da Groria, Pandeirada, Paraño ou Abrente. Ademais, foi autor as primeiras pezas de canto litúrxico na nosa lingua.