Afundación presenta unha retrospectiva de Luís Caruncho na Coruña

Geometria Mundi amosa as diferentes facetas do artista ata o vindeiro 17 de febreiro

8/11/2023 | Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:

Obra de Caruncho na mostra Geometria Mundi

A sede de Afundación na Coruña acollía este 7 de novembro a inauguración de Caruncho. Geometria Mundi. A exposición propón unha retrospectiva polas diferentes disciplinas creativas que abordou Luís Caruncho ao longo da súa carreira mediante máis de cen obras a incluír esculturas, pinturas, deseños en aceiro, pezas en madeira ou fotografías.

O proxecto, que se pode ver ata o vindeiro 17 de febreiro, percorre a traxectoria deste creador coruñés, falecido en 2016, con pezas que van desde 1949 ata 2012 e foi comisariado por Juan de Nieves. Segundo sinala o comisario a exposición foi construída emulando "o mesmo espírito" co que o artista "viviu e traballou", indo "desde o micro ao macro". Segundo el, Caruncho disolveu coa súa obra "as fronteiras entre a arte con maiúsculas e as formas que nos acompañan na esfera cotiá, poñendo de relevancia, en definitiva, unha visión honesta e desprexuizada sobre a función social da arte".

A acompañar as pezas artísticas, na sede de Afundación poden verse tamén "pezas de carácter documental que reflicten o universo creativo dun dos artistas máis coherentes e interesantes do panorama artístico español do século XX: fotografías, maquetas, debuxos ou múltiples publicacións", entre outros materiais.

Dentro da proposta destaca a chamada "Sala Metafísica", que permite introducirse fisicamente no universo creativo do artista a partir de obras, fotografías, obxectos de deseño e documentos, a achegar información visual e sonora sobre o artista.

Segundo explica a presentación do proxecto, Caruncho "constitúe unha das personalidades de maior relevancia na escena artística e cultural española na segunda metade do século XX. As súas contribucións non só se cinguen á súa intensa actividade como pintor e escultor da chamada abstracción xeométrica -ou do posconstrutivismo-, senón tamén ao seu labor como deseñador nun amplo rango de campos, e moi especialmente nas súas continuas achegas desde e para a arquitectura".

Que che parece esta nova?
43 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Afundación, A Coruña, Juan de Nieves, Arquitectura...

Claves

Protagonistas
Entidades
Lugares