A RAG presenta unha serie sobre as mulleres das Irmandades da Fala

Nós TV publicou tamén tres vídeos sobre as colaboradoras da revista Nós

Nós TV publicou tamén tres vídeos sobre as colaboradoras da revista <i>Nós</i>
A Fundación Seoane, na Coruña, acollía este 7 de setembro a presentación de Irmás na Fala. Esta serie documental, que produciu a Real Academia Galega e foi realizada por Nós Televisión co apoio do concello herculino, retrata en catro episodios cinco figuras que participaron do movemento das Irmandades da Fala a comezos do século XX.

As protagonistas deste proxecto son, segundo explica Nós Televisión no seu web, Micaela Chao Maciñeira, "a 'irmá pioneira'; a modista María Miramontes, mecenas de proxectos coma as Escolas de Insiño Galego; a mestra Elvira Bao, seguramente a primeira irmá que pronunciou mitins; Amparo López Jeán, presidenta da Agrupación Republicana Feminina da Coruña e primeira afiliada do Partido Galeguista nesta cidade; e a nadadora Emilia Docet, a chamada Miss España galeguista, participante no Mitin das Arengas da praza da Quintana canda figuras coma Castelao ou Otero Pedrayo".

Con esta iniciativa, a RAG quere "contribuír ao coñecemento e recoñecemento destas mulleres que abriron camiños de futuro para todas", segundo sinala na presentación do proxecto. Na mesma, a RAG lembra tamén que "malia ao seu papel activo, a historia invisibilizounas". Ana Viqueira asina os guións deste proxecto que conta coa poeta Rosalía Fernández Rial como condutora.

Segundo apuntou a académica Margarita Ledo na presentación das serie, con esta proposta "buscamos un xiro discursivo na xenealoxía do galeguismo e do nacionalismo, dende o albor da modernidade, coa visibilización da igualdade de xénero como constitutiva da nación, e facémolo singularizando determinadas mulleres que destacaron en eidos tan significativos como a independencia económica e o mecenado, o corpo, a educación ou a acción pública. Elas son verdadeiros modelos de todo o que caracteriza a utopía dun tempo que o fascismo quebrou: o respecto entre os pobos, os dereitos das cidadás, a organización política como expresión individual e social".

Encarna Otero, Xosé Alfeirán, Ana Romero Masiá, Goretti Sanmartín, María Xosé Bravo, Emilio Xosé Ínsua, Dolores Vilavedra, Pepe Barro, Iria Pinheiro e mais Felipe Ruíz de Miguel, sobriño neto de María Miramontes e Ánxel Casal participaron no proxecto a achegar a súa visión sobre estas pioneiras.

O primeiro dos capítulos da serie sae ao ar nas canles de Youtube de Nós TV e da Academia ás 21 horas do 7 de novembro. O resto de capítulos publicarase cada martes ata o vindeiro 28 de novembro. Ademais, poderán verse no servizo de contidos baixo demanda de Movistar Plus+.



Nosoutras
O proxecto segue o ronsel doutra liña de documentais que Nós TV acaba de publicar na súa rede. Nosoutras retrata en cadanseu episodio as tres mulleres que publicaron artigos na revista Nós ao longo da historia desta publicación.

O proxecto, que se gravou en Ourense co apoio da Deputación provincial, está presentado por Eira Losada e repasa a historia da irlandesa Anne MacSwiney, da lingüista alemá Margot Sponer e mais da galega Francisca Herrera. Esta última está considerada autora do primeiro ensaio de temática feminista escrito na nosa lingua precisamente pola súa colaboración en Nós, o artigo "A muller galega". A serie está dispoñible de xeito íntegro no Youtube desta canle de televisión.