Sete cadros do pintor Roberto González del Blanco pasan a incluírse no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia

Os cadros atópanse na residencia construída polo artista en Santiago de Compostela

6/11/2023 | Santiago. Redacción | Seccións: arte
27 lecturas | Compartido 0 veces

Autorretrato, de Roberto González del Blanco.

Quen pase pola rúa da Rosa, en Santiago de Compostela, terá apreciado un singular chalé que incorpora escultura de aspecto medievalizante nas fiestras e nas cornisas. Trátase do chalé construído no seu momento polo pintor Roberto González del Blanco, unha figura de relevancia nas décadas centrais do século XX como pintor de temas costumistas e naturalistas. A Xunta publica hoxe no DOG a incoación do procedemento de inclusión de sete obras conservadas nesa casa para formaren parte do Catálogo do Patrimonio Cultural De Galicia. O procedemento iniciouse a petición dos propietarios das obras en novembro de 2022. Trátase das obras Autorretrato, Retrato da súa nai, Místico, Vodas de Prata, Muiñeira, A nena das mazás, Encambando xoubas e Crisantemos brancos. Unha delas, Místico, xa figuraba no catálogo desde o ano 1998. O informe, asinado pola directora do Museo de Belas Artes da Coruña, destaca que as obras "posúen un valor cultural notable que xustifica a súa inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia". Cada unha das obras estará catalogada como separado e non formando parte dunha colección. González del Blanco (León - 1887, Santiago de Compostela - 1959) foi un pintor que destacou pola súa pintura do realismo costumista, pero tamén pola súa etapa inicial, orientalizante e arcaizante e resultado das súas dilatadas viaxes por Oriente.

Universo culturagalega.gal

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Santiago de Compostela, Belas Artes, Museo de Belas Artes da Coruña, León