A Fundación Laxeiro acolle a mostra 'O QUE HAI' de alumnado de Belas Artes

Trátase do primeiro proxecto expositivo do acordo de colaboración asinado coa Universidade de Vigo

Trátase do primeiro proxecto expositivo do acordo de colaboración asinado coa Universidade de Vigo
Imaxe da exposición
A Fundación Laxeiro ven de presentar "O QUE HAI, obxecto, materia e o cotián nos tempos da precariedade", unha exposición que se manterá nas salas da fundación (Rúa Policarpo Sanz, 15, 31, Vigo) ata o 11 de febreiro do 2024. Este é o primeiro proxecto realizado no marco do acordo de colaboración asinado coa Universidade de Vigo, que posibilitará un proxecto expositivo anual, realizado por artistas e comisarios vencellados á Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Neste caso Alberto Ardid (Vigo, 1986), Julio Catalán (Lugo, 1995), Mar Ramón (Valencia, 1993) e Estéfana Román (Vigo, 2000) mostran traballos nos que os obxectos ocupan o espazo expositivo, principalmente en forma de instalación e de escultura, mediante estratexias de cambio de contexto e reutilización, para propoñer outras miradas, críticas e con certa ironía, dende as que artellar novas formas de acometer a creación artística. A dialéctica de creación – destrución – recuperación é quizais o elemento unificador de toda a exposición.

Sobre o proxecto de 'O que hai', Alberto Santos, o comisario da exposición, conta que "a partir da crise económica de 2008, o alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra viuse mergullado nun contexto que facía pouco máis que imposible desenvolver unha traxectoria con certa dignidade a toda unha xeración de artistas. Os dourados anos noventa e os primeiros dous mil, caracterizados por un apoio institucional á arte contemporánea sen precedentes, chegaban ao seu fin e comezaba un período de precariedade que aínda perdura". Segundo Santos, iso levou a unha toma de conciencia por parte do alumnado de Belas Artes de que se podía traballar dende a utilización de materiais "humildes, en moitos casos de refugallo" para construír unha obra que falara das precarias condicións de produción, "mais tamén da falta de sentido da utilización de materiais novos nun contexto de profunda crise, non só económica, senón tamén ambiental". Deste xeito, a necesidade de subsistencia desta nova xeración de artistas, evolucionou cara a unha toma de conciencia de cara ás contradicións socioeconómicas do mundo actual, "e adoptaron poéticas que nacen dunha mesma actitude e que, tanto na súa materialidade como na súa concepción formal, apelan a unha posición ética con respecto ás consecuencias do concepto mesmo de produción", afirma o comisario.