Pontevedra acolle a novena xeira do LGX15

O encontro de ideas para o futuro da lingua celébrase este sábado 28 de outubro

O Teatro Principal de Pontevedra será o escenario onde se celebre este sábado 28 de outubro a novena edición do LGx15. O encontro de ideas para o futuro da lingua estará conducido nesta xeira pola actriz e presentadora Neves Rodríguez, que tamén compartirá a súa experiencia co noso idioma, e contará coa actuación musical de Xiao Berlai.

Canda a eles, a iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua contará co mestre e especialista no xogo tradicional Paco Veiga e con Carlos Airas, emprendedor nos sectores deportivo e cultural, que achegarán a súa visión sobre a lingua desde as súas respectivas áreas.

A tradutora Magdalena Sánchez, pola súa banda, falará do valor da tradución audiovisual e da dobraxe como factores normalizadores, mentres o debuxante Kiko da Silva explicará como a banda deseñada pode axudar a afianzar a nosa lingua. Finalmente, o programa conta con Fran da Lobeira, streamer que fornecerá receitas para mellorar a presenza da nosa lingua en YouTube.

As entradas para a gala están á venda a un prezo anticipado de seis euros, que serán dez na billeteira. As intervencións gravaranse en vídeo para a súa posterior distribución nas redes.