Antigüidades, artesanía e minerais son obxecto de cadansúa feira nestas datas

Feiras culturais

A cultura tamén ten feiras, ben se ve. E non só as do libro. Estes días estamos a asistir a varios encontros nos que se pode ver e aprender ó tempo que se adquire algún dos máis variados obxectos. Así, o Hostal dos Reis Católicos de Compsotela acolle a XXI Feira de Anticuarios de Galicia, con pezas para todos os públicos. E as festas de San Froilán en Lugo achegaron tamén a esta cidade unha feria na que os obxectos máis variados da artesanía son vendidos directamente polos seus creadores. E para rematar, a estación de trens de Vigo acolle desde onte a cuarta edición da feria sobre mineraloxía Minervigo2001.

Antigüidades

Ata o catorce de outubro pode visitarse no Hostal dos Reis Católicos de Compostela a XXI Feira de Anticuarios de Galicia, que recolle todo tipo de pezas aportadas pola Asociación Galega de Anticuarios que organiza o evento.
Aínda que nesta edición o espacio dispoñible é menor que noutras anteriores, o histórico edificio acolle varios centos de pezas de todo tipo, desde escultura e pintura galega, ata pezas de porcelana, reloxos, mobles e xoias, completando un abano de prezos que vai das dez mil pesetas a varios millóns. As expectativas dos anticuarios que participan na mostra son boas tendo en conta o éxito das dúas últimas edicións. Desde a Asociación de Anticuarios insisten ós posibles compradores de antigüidades na necesidade de solicitar os certificados de autenticidades das obras que compren para evitar as fraudes e o intrusismo profesional.












Artesanía


No marco das festas de San Froilán, Lugo acolle estes días a feira de artesanía nas prazas da Soidade e Ángel Fernández Gómez, onde poderán visitarse ata o vindeiro domingo.
Esta edición da feira inclúe unha ampla variedade de obxectos feitos a man, cunha especial presencia da xoiería e da bisuterías. Tamén a cerámica aparece en varios dos postos de exposición e venda estes días, tanto na forma de pratos coma na de portafotos ou reloxos.
A mostra complétase con demostracións prácticas das actividades dos artesáns. Así pode verse o proceso de fabricación dunhas zocas ou dunha talla de madeira, así como a palilleiras de Camariñas e de Vimianzo.












Minerais








Desde onte pode verse no vestíbulo da Estación de Renfe de Vigo a cuarta edición da feira Minervigo. Neste espacio reúnense vintedous expositores procedentes de España, Francia, Portugal e Polonia.
A mostra, que pretende achegar ó público o mundo mineraloxía, permite ver desde xemas e minerais curiosos ata fósiles. Así, esta é a primeira vez que participa na mostra unha empresa que se dedica a reproducir fósiles en resina e que achega a Vigo unha cabeza de dinosaurio a tamaño real e reproduccións de famosas figura arqueolóxicas.
Ademais dos minerais en sí, de grande interese para os coleccionistas, na feira poderá verse e adquirirse material sobre a mineroloxía, coma libgros, martelos, lupas ou guantes.